Xesús Vázquez Abad asistiu a celebración do XX aniversario da extensión da UNED, en A Rúa, Ourense
Ao longo deste tempo pasaron polo Aula máis de 2.500 alumnos e alumnas da zona de Valdeorras
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu á celebración do XX aniversario da extensión da UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia), en A Rúa, Valdeorras.
Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “a experiencia deste Aula pon de manifesto moitas das mellores cualidades da Universidade Nacional de Educación a Distancia: o seu papel dinamizador, precisamente en ámbitos -humanos e xeográficos- nos que, hai tempo, o ensino superior semellaba estar historicamente vedado. Iso xa non é así e non volverá selo endexamais”. Ao que engadiu que “o fondo e intenso labor social e universitario que este Aula desenvolve curso tras curso, demostra que ningún desafío é insuperable, por moi ambicioso que este sexa. Ningún obxectivo é inabordable, porque dispoñemos do mellor capital que un país poida ambicionar: a intelixencia sensible e mailo nivel cultural da nosa xente, da xente da provincia de Ourense e, en especial, dos homes e das mulleres, da mocidade da bisbarra de Valdeorras”.
Ao mesmo tempo aproveitou para recordar a súa unión persoal coa UNED, da que dixo que “os meus vencellos con ela custodian a memoria dun período da miña vida inzado de froitos e lembranzas inesquecibles”. Tras a intervención de Vázquez Abad, a psicóloga María Jesús Álava deu un relatorio en torno ao tema “Educar para ser felices”.
Un centro de referencia
Cumpre subliñar o importante labor educativo deste centro no que destaca o éxito que ten o curso de acceso a universidade para maiores de 25 anos que permite un acceso a estudos superiores independentemente das situación xeográfica e as circunstancias persoais. Ademais, no presente curso incorporouse a mesma opción de estudos, pero para os maiores de 45 anos. Ao longo dos últimos vinte anos matriculáronse no centro ourensán máis de 2.400 estudantes, que puideron estudar Administración e dirección de empresas, Dereito, Educación social, Pedagoxía, Psicoloxía, e Psicopedagoxía.
O centro asociado, coordinado por Avelino García Ferradas, realiza ao longo do presente ano numerosos actos e xornadas. Así no mes de outubro xa se celebrou o curso sobre “Os novos retos da inmigración e escola en Galicia”, de dez horas de duración, ao que asistiron 44 alumnos e alumnas. As xornadas contaron con relatorios e mesas redondas nas que debateuse en torno á integración escolar no ámbito da inmigración. Ademais tamén se celebrou o curso “A educación na crise”, cunha duración de dez horas, subvencionado polo Concello e con diferentes actividades prácticas e teóricas.
No acto de hoxe estiveron presentes o director da UNED en Ourense, Jesús de Juana, o presidente do patronato da UNED, Jose Luis Baltar; o alcalde de A Rúa, Luis Fernández Gudiña; así como os alcaldes e autoridades da comarca de Valdeorras.