O conselleiro de Cultura e Educación apoia o V Festival das Artes Escénicas de Riós na súa presentación
Xesús Vázquez Abad salientou o traballo deste festival para brinda unha oportunidade aos artistas galegos de base
A Consellería achega a este evento máis de 10.600 euros a través da Axencia Galega das Industrias Culturais
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, apoiou hoxe o V Festival das Artes Escénicas “Abelardo Gabriel” de Riós na súa presentación, na que estivo acompañado polo alcalde do municipio ourensán, Francisco Armando Veiga. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o valor dunha iniciativa como esta desenvolvida por artistas galegos de base desde o seu inicio. “Músicos, actores e outros artistas que, moitas veces cun enorme esforzo autodidacta, demostran que a cultura de calidade xurde de xeito evidente en moitos concellos de Galicia”, dixo. Neste sentido, lembrou o apoio de máis de 10.600 euros que a Consellería lle presta a este evento, a través das subvencións a festivais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para contribuír ao traballo que está a para brindar unha oportunidade “a todas estes representantes da nosa cultura, servíndolles de escaparate e plataforma; nunha contorna ademais de gran fermosura como é a propia vila de Riós”.
No acto de presentación deste festival, que se desenvolverá o 17 e 18 de agosto, participaron tamén o seu director, o actor Rubén Riós; o actor Luis Iglesia; os membros do grupo DiElas, Luis Tosar e Piti Sanz; e a xerente de Platú – patrocinadora do evento, Cristina Codesido.
Vázquez Abad valorou o traballo de promoción da nosa cultura que se desenvolve neste evento, “que naceu da ilusión dun grupo de persoas namoradas das artes escénicas , e que se vai materializando ano a ano nun programa con máis calidade”. Ademais, o conselleiro quixo facer unha lembranza do falecido actor Abelardo Gabriel, “unha persoa que tanto ten feito pola dinamización e pola difusión do noso audiovisual, e cuxo traballo sempre cómpre conmemorar”. “Penso que o festival de Riós é unha boa proxección da tarefa que el desenvolveu con ilusión, desde un profundo amor polas artes escénicas; dándolle continuidade ao labor de achegar a cultura á xente, para que a xente sexa a protagonista da cultura”, salientou.
Cine e música
O V Festival das Artes Escénicas de Riós, organizado pola Asociación Cultural da Castaña, arrincará o venres 17 pola tarde, coa proxección das curtametraxes gañadoras na última edición do Festival de Cans. De feito, unha das novidades desta edición é o irmandamento con este festival. O cartel cinematográfico completarase o venres coa proxección de Vilamor, dirixida por Ignacio Vilar, e protagonizada por Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez, que estarán presentes no festival.
No que toca á música, o venres será a quenda para Tonhito de Poi e amigos; actuacións con Emilio Rúa, Sabela Arán, Xoel Yáñez, Luis Iglesia, e outros convidados; e para o “Riós Rural Dance”, espectáculo de Dj’s e música alternativa.. O sábado celebrarase a gala do festival, coa presenza de Mucha e Nucha, o Mago Teto, Luis Iglesia e Luis Tosar, entre outros. O programa pecharase cun concerto de grupos e artistas emerxentes galegos, como Adriana Ramos, Medomedá, Rever, Xanononoto e 1992.