A Consellería de Cultura e Educación e a Fundación laboral da construción colaborarán na formación de alumnado de FP de madeira, moble e cortiza
Os estudantes dos ciclos desta familia que se imparten no CIFP Politécnico de Lugo utilizarán as instalacións e equipamentos da fundación
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Laboral de la Construccióncolaborarán o vindeiro curso 2012/2013 na formación de alumnado de Formación Profesional da familia de madeira, moble e cortiza, dando continuidade á anterior colaboración da Consellería coa Fundación San Calixto de Lugo (cuxas instalacións son agora xestionadas polo devandito ente).
Ao abeiro do convenio, a cuxa sinatura deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta, a fundación pon á disposición do alumnado do 1º curso do ciclo medio Carpintaría e moble e do 2º curso do ciclo medio Fabricación á medida e instalación de carpintaría e moble, que se imparte como parte da oferta formativa do CIFP Politécnico de Lugo, os espazos e o equipamento preciso, segundo a normativa vixente. Os gastos específicos ordinarios de funcionamento destes cursos serán asumidos pola consellería, que tamén achegará o persoal docente necesario.
Trátase dun novo compromiso da consellería coas ensinanzas de FP, procurando a mellor formación práctica do seu alumnado. Neste sentido cómpre salientar que o espazo e equipamento da Fundación permiten ao alumnado dos devanditos ciclos adquirir mellores competencias no desenvolvemento das tarefas relacionadas coas súas competencias profesionais.