A Consellería continúa apostando pola formación do persoal investigador nas universidades con 99 axudas na etapa predoutoral

Cultura e Educación vén de abrir a convocatoria para contratar a titulados na súa etapa predoutoral durante un máximo de tres anos

O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o vindeiro 23 de agosto e beneficiará a investigadores en formación

Nunha nova aposta polos Campus Internacionais de Excelencia o 25% das prazas serán para as liñas estratéxicas que os integran

Lun, 23/07/2012 - 10:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar por segundo ano consecutivo preto dun centenar de axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral, no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad fomenta que as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) contraten tituladas e titulados superiores para a súa formación como doutores nos seus centros. A contratación deste persoal nas etapas iniciais é de gran relevancia para lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Esta etapa constitúe ademais a base para que mediante a execución dun proxecto de investigacións se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Os contratos

A Consellería financiará un máximo de 99 contratos, apostando este ano, ademais, polos Campus Internacionais de Excelencia, xa que o 25% desas 99 prazas (12 prazas no Campus Vida e 12 prazas no Campus Mar) se destinan este ano a liñas estratéxicas integradas neles. Isto fai de Galicia unha comunidade autónoma pioneira ao adaptar os procesos formativos ás áreas con maior proxección e relevancia para a nosa comunidade.

Os contratados coa modalidade xeral terán unha retribución bruta anual de 19.000 euros. Do mesmo xeito as persoas que obteñan un contrato nos campus de excelencia recibirán 22.000 euros brutos anuais; neste último caso un mínimo do 20% do importe será financiado polas propias universidades. Cómpre destacar que a duración do contrato será dun ano prorrogable ata os tres se contan cun informe favorable da comisión académica do programa de doutoramento.

Requirimentos

A convocatoria está destinada aos titulados superiores que se vaian formar como doutores nas universidades do SUG, e que conten co visto e prace das súas respectivas universidades. Hai que destacar que se reforza o seu carácter social ao eliminar, con respecto ao ano 2011 o requisito de estar matriculado no programa de doutoramento ata a obtención da axuda, o que permite ao interesado saber de antemán se vai a dispoñer da axuda antes de facer efectiva a matrícula.

A convocatoria desta axudas permite manter a aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, unha iniciativa que se está a ve reforzada no seo do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C)

Desta forma a Consellería de Cultura e Educación reafirma, a pesar da difícil situación económica, o seu compromiso coa formación de persoal investigador que contribúa ao desenvolvemento do sistema universitario galego como motor da innovación e futuro da Comunidade Autónoma.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza