Cultura e Educación despregou ‘FalaRedes’ por 77 concellos da rede na primeira quenda de desenvolvemento do programa

A consellería dirixida por Vázquez Abad dinamizou a lingua en 77 localidades de Galicia levando ‘FalaRedes’ a 131 concellos entre os meses de marzo e xullo

Galego de cine’, ‘O Señor das dunas’ e ‘Titerehop’ retomarán o seu percorrido por Galicia no mes de setembro para completar as 250 actividades programadas ata finais de ano

A partir de agosto chegarán aos concellos as primeiras iniciativas de fomento do idioma deseñadas pola propia Rede

Dom, 22/07/2012 - 09:12
Cultura e Educación despregou ‘FalaRedes’ por 77 concellos
Cultura e Educación despregou ‘FalaRedes’ por 77 concellos da rede na primeira quenda de desenvolvemento do programa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despregou por un total de 77 concellos de Galicia 131 actividades de dinamización lingüística nos primeiros cinco meses de desenvolvemento de FalaRedes, o programa de actividades que ten como destinatario un centenar de concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

A iniciativa impulsada polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, concluíu este mes o desenvolvemento das sesións programadas dentro da súa primeira fase. En setembro, O Señor das dunas, Galego de cine e Titerehop retomarán a súa andaina polos municipios galegos para seguiren dinamizando a lingua galega ata finais de ano a través dos contos populares, do cinema, do hip hop e das TIC.

Durante a pausa de FalaRedes no período estival arrancarán os primeiros programas de actividades deseñados desde a Área Técnica da RDL, que integran a programación de verán incluída na planificación de actividades que a RDL desenvolverá en 2012.

Itinerancia por 77 concellos desde marzo ata xullo

As actividades de FalaRedes están a percorrer, desde o inicio do programa no mes de marzo, un centenar dos concellos adheridos á RDL, a iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia co fin de unir os esforzos das administracións locais e autonómica na promoción social do idioma.

Así, nestes cinco meses de andadura, as tres actividades gratuítas de FalaRedes recalaron xa nun total de 77 municipios, a través de 131 sesións de actividades: Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, Avión, Baiona, A Baña, O Barco de Valdeorras, Barreiros, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Bueu, Cabana de Bergantiños, Cambados, A Cañiza, O Carballiño, Carnota, Carral, Cee, Corcubión, Cospeito, Cotobade, Curtis, Dodro, Dumbría, A Estrada, Ferrol, Fisterra, Forcarei, Guntín, Lalín, A Laracha, Lousame, Melón, Muíños, Muros, Muxía, Oroso, Ortigueira, Ourense, Outeiro de Rei, Outes, Padrón, Pereiro de Aguiar, Piñor, Ponte Caldelas, Ponteceso, Quiroga, Rianxo, Ribeira, Rois, O Rosal, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sarreaus, Silleda, Soutomaior, Taboada, Teo, Toén, Toques, Tui, Val do Dubra, Valga, Vedra, A Veiga, Verín, O Vicedo, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Vilamarín e Xinzo de Limia.

119 sesións máis a partir de setembro

O Señor das dunas, Galego de cine e Titerehop marchan de vacacións ata setembro pero na segunda quenda de desenvolvemento de FalaRedes, Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- completará o periplo destas tres actividades de dinamización lingüística polos concellos, ata chegar ás 250 actuacións nun centenar de entidades locais.

Con elas, a secretaría dirixida por Valentín García quere divulgar unha imaxe moderna da lingua, ligada a valores positivos e actuais, e favorecer a súa transmisión interxeracional, así como facer extensivo o fomento seu uso mediante a oferta de actividades de lecer destinadas á cidadanía e a creación de novos espazos que a reforcen e a dean a coñecer.

Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

En agosto chegará a nova programación da Rede

A RDL contará cunha nova programación de actividades a partir do mes que vén, a través da posta en marcha de diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación Universitaria en estreita colaboración coas deputacións de Pontevedra e da Coruña, ambas as dúas membros integrantes da RDL. Os novos programas, contemplados na programación de actividades da RDL para o ano 2012, fornecerán a oferta de actividades de lecer dos concellos da RDL durante o período estival.

O neno que querí ter un nome