O conselleiro de Cultura e Educación inaugura a XXVIII Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

O festival conta cunha subvención de 50.000 euros da Consellería a través da Axencia Galega das Industrias Culturais

Sáb, 21/07/2012 - 20:30
Cartel da Mostra de Teatro
Cartel da Mostra de Teatro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a XXVIII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que arrincou coa estrea absoluta en España de A puerta cerrada, un texto de Jean Paul Sartre coproducido por membros das compañías Timbre 4 (Arxentina) e Théâtre du Soleil (Francia). Ao acto asistiu tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O evento, que conta cun apoio económico de 50.000 euros da Consellería a través da convocatoria de subvencións a festivais escénicos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), despregará vinte e cinco espectáculos, dos que máis dun 80% son estreas, polas rúas e espazos da localidade ourensá ata o vindeiro 28 de xullo. Nesta edición destaca o reforzamento da representación internacional, con espectáculos de Portugal, Francia, Cuba, Italia, Bélxica, Arxentina, e México; ademais da produción galega e do resto do territorio español.

A MIT de Ribadavia contempla propostas para todos os públicos, e nos máis diversos espazos do municipio, desde o escenario principal no auditorio do Castelo á arte de rúa, e o programa previsto para a Casa da Cultura e a Igrexa da Madalena. Un dos principais obxectivos da mostra é, non en balde, achegar o teatro de máxima calidade a persoas que non son habituais espectadores desta arte escénica, dinamizando ao mesmo tempo a actividade cultural na comarca do Ribeiro.

A representación inaugural, dun dos textos máis celebrados de Jean Paul Sartre, completarase cunha proxección documental e unha conversa para todos os interesados no traballo de Théâtre du Soleil e Timbre 4.

Menús News node R

Tema