Vázquez Abad reivindica a importancia da FP durante a xornada de inauguración da nova sede do Club Financeiro de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recordou que “impulsar a orientación profesional e fomentar a cultura do emprendemento foron, son e seguirán a ser puntos fortes das políticas a prol da Formación Profesional”

Ven, 20/07/2012 - 20:11
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na xo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na xornada de inauguración da nova sede do Club Financeiro de Santiago (Autor: Conchi Paz)

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, resaltou hoxe a importancia da Formación Profesional durante a súa intervención na xornada de inauguración da nova sede coa que conta o Club Financeiro en Santiago situada no edificio Quercus IP.

Durante a súa intervención o conselleiro resaltou o traballo desenvolvido desde a Consellería ao longo desta lexislatura para dar resposta á demanda da sociedade galega e incidiu en que “a definición dun marco normativo estable, unha oferta de ciclos formativos máis flexible e acaída ás características de Galicia, o impulso da orientación profesional, e o fomento da cultura do emprendemento foron, son e seguirán a ser puntos fortes das políticas a prol da Formación Profesional”, ao que engadiu “consideramos que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico –ao achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no que vai desenvolver a súa futura vida profesional–, e por iso a Formación en Centros de Traballo –ou FCT– resulta preceptiva para que o noso alumnado obteña a titulación desexada”.

Convenios FEUGA

Do mesmo xeito recordou que a prol dos estudantes dos ciclos formativos asinouse recentemente un convenio coa Feuga. Un tipo de acordo do que dixo que “en marzo asinamos o primeiro convenio de colaboración coa Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) destinado a persoas tituladas en FP dos centros públicos galegos, para completar a súa formación cunha estadía nun centro de traballo. Este convenio asinouse dentro das accións de apoio á formación profesional do sistema educativo de Galicia e quere contribuír a facilitar a inserción profesional destas persoas, mellorando a súa cualificación e o seu desempeño profesional. A través deste convenio establécese o desenvolvemento dun mecanismo que facilite a realización de prácticas en empresas de calquera tamaño e sector de actividade”.

E, sobre estas bolsas sinalou que “constitúen unha ferramenta idónea, xa que permite acceder a profesionais con preparación e sen experiencia profesional, aos que poden formar durante a súa estadía na empresa en todos os aspectos propios dun desempeño laboral concreto e nun período previo á súa posible contratación”.

Programas europeos

Por outra banda, os Programas Europeos de mobilidade Erasmus e Leonardo tamén teñen unha gran importancia na formación dos estudantes de FP “e entre os seus obxectivos están a mellora cualitativa e cuantitativa da mobilidade das alumnas e alumnos en formación profesional inicial e continua en Europa, a través das estancias en empresas”.

Neste sentido o conselleiro de Cultura e Educación incidiu no novo consorcio Erasmus “Praxeuropa” –recentemente aprobado pola Dirección Xeral de Educación, F.P. e Innovación Educativa–, no participan actualmente 19 centros de FP con ensinanzas de grao superior e a Federación Galega de Parques Empresariais, e sobre el sinalou que “cos primeiros resultados deste consorcio podemos falar das 50 bolsas concedidas entre alumnos e alumnas das familias ou áreas profesionais das TIC, Comercio, Hostalaría e Turismo, Metal e Enerxías renovables que se realizarán no próximo curso 2012/2013”.

Cómpre destacar que o novo espazo do Club Financeiro de Santiago, situado no polígono industrial de Costa Vella, ten como obxectivo dar, preferentemente aos seus asociados, un servizo para que os asociados conten cun espazo preparado para a realización de conferencias, reunións, actividades formativas.