A Consellería de Cultura e Educación impulsa a FP en Ourense cun incremento de prazas do 20,7%, o maior de toda Galicia

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa anunciou hoxe en rolda de prensa as novidades para o vindeiro curso na provincia

Ven, 20/07/2012 - 12:46
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na rolda de prensa xunto co delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e a xefa territorial da Consellería na provincia , Mercedes Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un forte pulo á Formación Profesional na provincia de Ourense, cun incremento na oferta de prazas en ciclos formativos do 20,7%, o maior incremento de entre as catro provincias galegas respecto do anoa académico 2011/2012. Así o explicou hoxe o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, quen expuxo as novidades para o vindeiro curso na provincia nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial da Consellería na provincia , Mercedes Gallego.

Tal e como explicou o director xeral, desde o inicio da lexislatura a Consellería vén desenvolvendo unha estratexia para a posta en valor da FP, como porta de acceso ao mundo laboral. “Para iso - sinalou- cultivamos o diálogo cos sectores produtivos estratéxicos de Galicia, co obxectivo de poder elaborar uns currículos adaptados ás necesidades da nosa economía, e de formar uns profesionais cualificados para acadar o crecemento da nosa comunidade. Deste diálogo e intercambio de opinións nacen as ofertas formativas de cada ano, e que o vindeiro curso suporán para a provincia de Ourense a implantación de 11 novos ciclos”.

En concreto, o vindeiro curso comezarán a impartirse, no réxime ordinario, os ciclos medios de o ciclo de grao medio en Aceites de oliva e viños, no IES de Ribadavia; e o de grao superior de Axencias de viaxes e xestión de eventos (CIFP A Farixa) e de Dirección de servizos de restauración (IES de Vilamarín). Ademais, continúase co fortalecemento da FP a distancia, implantada por primeira vez en Galicia polo actual goberno, de tal forma que o CIFP Portovello incorpora o ciclo medio de Xestión administrativa e o superior de Administración e finanzas nesta modalidade. Por outra banda, refórzase a oferta do réxime modular para persoas adultas na modalidade presencial, coa implantación do ciclo de grao medio en Construción, no IES Sección de Sobradelo- Carballeda; os de grao medio en Emerxencias sanitarias e en Farmacia e parafarmacia, no IES Marcos Valcárcel; o ciclo medio en Atención a persoas en situación de dependencia, no CIFP Portovello; e o ciclo de grao medio en Instalacións de telecomunicación, e o grao superior en Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica, ambos no CIFP A Farixa.

“A implantación dos novos currículos, así como o reforzo dos ciclos que xa se estaban a impartir -resaltou o director xeral- supoñen unha oferta total de 2.470 prazas en toda a provincia, 424 máis que no curso 2011/2012. Estamos a falar dun 20,7% máis, porcentualmente o incremento de prazas máis significativo a nivel de provincias respecto do curso anterior”.

Plurilingüismo e Abalar

O director xeral quixo tamén facer fincapé no esforzo que está a facer a Consellería para acadar a modernización dos centros educativos da provincia, a través do despregamento do Proxecto Abalar e do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Neste sentido, indicou que máis de 5.400 estudantes desta provincia mellorarán o vindeiro curso as súas competencias lingüísticas. Arredor dun milleiro deles farano nos 16 centros plurilingües da provincia (3 de nova incorporación este ano); e os restantes nos 261 seccións bilingües coas que contan 54 centros ourensáns (66 de nova creación para o vindeiro curso).

“A EOI de Ourense - sinalou- incorporará ademais o vindeiro ano a lingua chinesa á súa oferta formativa, con catro grupos de chinés básico I, un total de 120 prazas”. O interese dos cidadáns por estas ensinanzas quedou demostrado co gran número de solicitudes recibidas, que demostra o acertado da iniciativa da Consellería de ofertar esta lingua na cidade das Burgas.

Por outra banda, 12 centros ourensáns incorporaranse o vindeiro curso 2012/2013 ao proxecto Abalar, “co que haberá un total de 61 centros e 4.900 alumnos da provincia contarán con aulas nas que o alumnado conta con cadanseu ordenador ultraportátil, e traballan cun encerado dixital, e outros recursos das aulas Abalar”, destacou.

Loita contra o abandono escolar

Respecto das axudas que a Consellería vén de conceder aos concellos para a realización de actividades de loita contra o abandono escolar, Manuel Corredoira indicou que se lles outorgou a subvención a todos os concellos da provincia que a solicitaron, en total a 32, o que suporá unha achega de 355.234,21 euros. “Esta innovadora iniciativa ten como obxectivo procurar dunha banda a redución do abandono temperán dos estudos por parte daqueles que nestes momentos están estudando. Deste xeito aquel alumnado con menor motivación e capacidade de aprendizaxe recibirá respostas adaptadas ás súas necesidades”, dixo.

En concreto, nesta provincia outorgáronse subvencións aos concellos de Avión, Baños de Molgas, Barbadás, Os Blancos, A Bola, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Celanova, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Esgos, Lobios, Maceda, Maside, Melón, A Merca, Oímbra, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Piñor, A Pobra de Trives, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, San Cristovo de Cea, Verín, Vilamarín, Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo. A resolución completa pode consultarse no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120711/AnuncioG0164-040712-0002_gl.html

Neste sentido lembrou tamén que, froito do traballo do departamento educativo da Xunta de Galicia en estreita colaboración coa comunidade educativa, no crso 2011/2012 asináronse contratos-programa con 23 centros educativos da provincia de Ourense, que desenvolveron 36 actuacións para a mellora da calidade educativa, tras un fondo traballo de análise das fortalezas e eivas do alumnado de cada colexio e instituto implicado. Esta iniciativa chegou este curso a 2.108 alumnas e alumnos e implicou a 72 profesores implicáronse neste traballo, arredor de 5 liñas de actuación, nomeadamente o reforzo, a orientación e o apoio; a mellora da lectura, da escritura e do cálculo; a mellora da convivencia; a redución do abandono escolar; e a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. “Ademais, este curso temos posto en marcha o Plan de Iniciativas de Mellora, do que se beneficiaron 401 alumnos de 13 centros educativos da provincia, colexios e institutos nos que se crearon 17 grupos de reforzo”, engadiu.

O director xeral comprometeuse a manter o compromiso que a Consellería vén demostrando cos centros de ensino ourensáns, impulsando a súa modernización, aumentando a oferta plurilingüe, apoiando as iniciativas da comunidade educativa e dos concellos a prol da mellora da calidade educativa e do éxito escolar, “e poñendo a disposición da cidadanía unha oferta de FP axustada ás demandas, tanto das ourensáns e ourensás, como dos sectores socioprodutivos da provincia”.