Cultura e Educación pon a formación profesional por diante coa implantación adiantada de 27 novos ciclos relacionados con sectores estratéxicos da economía galega

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a oferta formativa da FP no curso 2012/2013

A Consellería dá este curso prioridade á implantación de ciclos de nova creación claves para o desenvolvemento de Galicia

Continúa así a aposta pola FP como un sistema de oportunidades de emprego

Xov, 19/07/2012 - 15:38

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa coa súa aposta pola formación profesional como un sistema de oportunidades para o desenvolvemento dos sectores socioprodutivos galegos e unha porta de acceso para a recualificación dos cidadáns e para o seu acceso ao mercado laboral. Neste sentido, o Consello da Xunta analizou hoxe un informe no cal se presenta a oferta de ciclos formativos para o vindeiro curso, na que destaca a implantación anticipada de 27 títulos de formación profesional que responden ás cualificación que demandan os sectores produtivos galegos. Unha aposta polo desenvolvemento estratéxico de Galicia, así como por dar continuidade a substitución de antigos títulos LOXSE polos novos currículos adaptados á Lei das cualificacións profesionais e á Lei orgánica de educación.

A oferta de ciclos formativos deseñada pola Consellería de Cultura e Educación para 2012/2013 aposta, un curso máis, polo impulso da FP a distancia – modalidade implantada en Galicia polo actual Goberno da Xunta- . Así, Galicia conta xa con 17 centros que ofertan 1.450 prazas en 20 ciclos formativos distintos nestas ensinanzas non presenciais.

Trátase dunha das liñas de actuación da estratexia de posta en valor da FP que vén desenvolvendo o Goberno galego ao longo da lexislatura e que, neste caso, entronca directamente co reforzo da oferta formativa para a cualificación dos traballadores, a través da FP a distancia en réxime modular, ou do recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, que ofertou na súa última convocatoria 9.555 prazas.

Ciclos de nova creación

De entre os ciclos formativos de nova implantación, 23 son currículos que substitúen a currículos LOXSE, mentres que 4 son totalmente de nova creación, en concreto os ciclos superiores en Enerxías Renovables; Estilismo e Dirección de Peiteado; Educación e Control Ambiental;  e Animacións 3D, Xogos e Contornos Interactivos.

A posta en marcha destes 27 ciclos suporá ofertar unha mellor cualificación aos estudantes da FP galega, con 2.000 horas de formación que  responden ás demandas dos sectores produtivos da nosa economía. En total a oferta en centros públicos ascende a 885 ciclos, dos cales 68 son novos nos centros en que se ofertan.

Suporá o incremento do cadro de profesorado de FP nuns 200 docentes.

Máis prazas

O interese das galegas e dos galegos na FP púxose de manifesto a través dun incremento do 23,1% na matriculación entre 2008 e 2012. Para atender ás solicitudes da cidadanía, a Consellería oferta para o vindeiro curso 2012/2013 23.623 prazas de ensinanzas de FP en centros públicos, un 12,36% máis que no curso anterior.

A isto contribúe o impulso que supuxo para a FP o reforzo da rede de centros integrados, CIFP. De feito, os 17 centros da rede ofrecen 8.166 prazas, o 34% das dispoñibles nestas ensinanzas en centros públicos da nosa comunidade. Ademais, os CIFP ofertan para o vindeiro curso 1.716 prazas máis que no 2011/2012.

Con estas actuacións a consellería continúa a despregar a súa estratexia de desenvolvemento da FP, que ten completado, ademais, dando a estas ensinanzas un marco normativo propio adecuado a Galicia, a través da elaboración, aprobación e publicación do Decreto 114/2010, de ordenación da formación profesional en Galicia, e da normativa que o desenvolve.

Menús News node R