A Consellería de Cultura e Educación dá resposta con tres novos currículos de FP ás necesidades do sector do moble, a obra civil e a estética de nova xeración

O Consello da Xunta aprobou hoxe tres currículos que teñen como obxectivo dar resposta ás necesidades crecentes de profesionais cualificados nestes sectores produtivos

Xov, 19/07/2012 - 15:29

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará novos currículos de ciclos de grao medio e superior de Formación Profesional para dar resposta ás necesidades actuais dos sectores do moble, a obra civil e a estética e a cosmética de nova xeración. Así o aprobou hoxe o Consello da Xunta, que deu o visto e prace aos novos currículos de técnico en instalación e amoblamento, e de técnico superior en estética integral e benestar, en proxectos de obra civil.

Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad continúa a implementar a estratexia de posta en valor da formación profesional que vén desenvolvendo desde o inicio de lexislatura. Ao abeiro deste proceso, xa adaptou 54 currículos ás exixencias da Lei das cualificacións profesionais e á Lei orgánica de educación.

Atención ao ambiente

Respecto do currículo correspondente ao título de técnico en instalación e amoblamento, dá resposta ás necesidades do sector derivadas da constante incorporación de novos materiais e tecnoloxías nos procesos de instalación, a renovación en función dos hábitos sociais e das modas, e das exixencias normativas en relación coa calidade e co ambiente, que implican a adaptación aos novos sistemas de montaxe e instalación.

Os titulados neste ciclo poderán desenvolver o seu labor profesional en empresas dedicadas á montaxe e á instalación de carpintaría e amoblamento, e á aplicación de produtos de acabamento para o retoque, exercendo como carpinteiros, ebanistas, montadores e instaladores de mobles. Así mesmo, as competencias aprendidas cualificaranos para ser fabricantes de estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistaría para a construción.

Tamén en atención á crecente preocupación polo respecto ao ambiente, as competencias adquiridas ao longo do ciclo de técnico superior en proxectos de obra civil capacitarán aos titulados para daren cumprimento ás directivas comunitarias que afectan o sector, e que propician a evolución da construción cara a un modelo de desenvolvemento sustentable que evite a degradación do ambiente, o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética en infraestruturas e servizos. Así mesmo, estarán cualificados para facer uso das novas tecnoloxías e programas informáticos integrados para o deseño, cálculo, planificación e control de custos. Por outra parte, estes futuros profesionais recibirán unha formación específica para atender cuestións de capital importancia en materia de seguridade e saúde laboral, co obxecto de que poidan contribuír á redución da sinistralidade laboral cunha formación permanentemente adaptada aos cambios producidos pola innovación e a tecnificación do sector.

As persoas que obteñan este título estarán preparados para traballar en estudios de delineación, de arquitectura e de enxeñaría, promotoras, empresas de servizos técnicos e consultorías, empresas construtoras, concesionarias e de explotación, e empresas doutros sectores cuxas actividades presenten unha marcada incidencia territorial con actividades de explotación de recursos naturais e administracións públicas. Neste marco, poderán ocupar postos como delineantes de topografía, estadas, urbanización, obra civil ou servizos urbanos; como especialistas en levantamentos de terreos, de construción e en implantación; como maquetista, ou como técnicos de control documental, ademais doutros con funcións similares.

Estética e saúde

Respecto do currículo correspondente ao título de técnico superior en Estética Integral e Benestar, os estudos cursados ao abeiro deste currículo cualificarán os titulados para exerceren traballos en empresas estéticas e áreas de imaxe persoal, de spa e balnearios, así como en centros de medicina e cirurxía estética; como esteticistas ou técnico en técnicas hidroestéticas, micropigmentación, depilación mecánica e avanzada, drenaxe linfática ou bronceamento mediante radiación ultravioleta, entre outros labores. Ademais, quen acade este título poderá traballar neste eido como técnico comercial, asesor estético-cosmético ou formador en estética.

Cómpre sinalar a crecente demanda de profesionais especializados en técnicas que conxuguen os coidados da imaxe persoal cos hábitos saudables e con técnicas manuais estéticas, como a drenaxe estética, técnicas orientais ou reflexoloxía, e técnicas sensoriais como a cromoterapia, a aromaterapia, ou a musicoterapia, entre outras. Os tratamentos cuxo recurso principal é a auga son outros dos procesos que potencian o benestar e converten os centros de spa e balnearios nun sector con gran demanda na actualidade. Por outra banda, o novo currículo prepara os estudantes para traballaren coas últimas tecnoloxías do sector, relacionadas na súa maior parte coa radiofrecuencia, o bronceamento con radiación ultravioleta, o láser, e principios activos cosméticos de nova xeración.