Publicadas as listaxes de admitidos para a realización dos cursos de lingua galega que organiza Política Lingüística
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de facer públicas as listaxes de admitidos para a realización dos cursos Celga na Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo que darán comezo este mes de marzo. En total, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo ofertará 185 cursos este ano, que se desenvolverán ao longo de 2010 en tres quendas. A primeira delas comprende os meses de marzo a xuño, a segunda, os de xullo e agosto e a terceira realizarase desde setembro a novembro. Os cursos, con carácter xeral, duran 75 horas, impártense 2 horas ao día e o número de alumnos por curso oscila entre 20 e 30.
Nos próximos días, a secretaría xeral tamén fará públicas as listas de admitidos cos colectivos, entidades e/ou organizacións que solicitaron os cursos preparatorios para obter o Certificado de lingua galega (Celga).
- A relación de admitidos nas catro provincias para a quenda de cursos que comezan este mes pode consultarse na páxina web da secretaría xeral.
- Nos próximos días faranse públicas as listas de admitidos dos colectivos, entidades e/ou organizacións que solicitaron os cursos.
- O departamento que dirixe Anxo Lorenzo convocou o pasado mes de xaneiro un total de 185 cursos preparatorios para obter o Certificado de lingua galega, que se desenvolverán en tres quendas ao longo de todo o ano.
Acreditación do coñecemento en lingua galega
Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas Celga correspondentes, que se desenvolverán en Galicia nos meses de maio e novembro. A inscrición para realizar os ditos exames, que son independentes dos cursos, rematará o próximo 25 de marzo de 2010 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro, para as probas do mes de novembro.
A organización dos cursos e as probas Celga responde ao obxectivo prioritario de Política Lingüística de potenciar a aprendizaxe do galego por parte de toda a poboación adulta, mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos satisfactorios.