José Luis Mira asistiu á gala do Turismo e a gastronomía 2010, que se celebrou en Pontevedra
O acto contou coa presenza de máis de seiscentas persoas procedentes de todos os sectores relativos ao turismo hostaleiro
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, asistiu esta tarde á gala do Turismo e a Gastronomía 2010, que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O director xeral uniuse aos máis de 600 invitados que asistiron ao evento e que foron unha ampla representación de todos os subsectores que conflúen no turismo hostaleiro. A Consellería de Educación, a través de Mira Lema representou á formación académica que a Consellería desenvolve en cursos e ciclos de Formación Profesional e con Programas de Cualificación Profesional inicial.
Un dos organizadores, o director da revista Hostelería Galega& Turismo, Guillermo Campos, asegurou que o acto celebrado en Pontevedra axuda a que “a capital das Rías Baixas se proxectase como auténtica e tanxible capital turística de Galicia”. Non en balde, ao evento acudiron testemuñas de excepción, como un grupo de xornalistas procedentes de diversas comunidades autónomas, todos eles membros da Federación Española de Periodistas e Escritores de Turismo (FEPET), integrada na Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (Agaxet), ue aproveitaron a convocatoria para realizar tramos do Camiño Portugués, neste Xacobeo 2010.
Premios ao sector
Á chegada ao Pazo da Cultura, os convidados puideron degustar un cóctel elaborado especialmente para a ocasión polos alumnos e alumnas do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Durante o transcurso da gala entregáronse os diplomas correspondentes aos nominados nas dez categorías que conforman os Premios HGT-AGAXET, que recoñecen o labor de distintos actores dos subsectores relacionados co turismo e a gastronomía, desde empresas distribuidoras a asociacións de profesionais da hostalería, axencias de viaxes, bodegas, institucións e organismos oficiais.
Deste modo foron distinguidos coas ‘medallas Dagda’, Versal e a Deputación de A Coruña, pola súa labor en Promoción turística e deseño. No apartado de Proxectos e iniciativas a medalla foi para o Clúster Turísitco Alimentario Galego. Como Prato do ano resultaron premiados, ex aequo, Bitadorna e Tira do Cordel. Mentres que a medalla de Profesional do ano recaeu en Tosta de Costeira (Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro). Como Mellor oferta hostaleira foi recoñecida a Ternera Galega.
Por outra banda no apartado de Equipamentos e suministros o galardón foi para Gresilva; e en Actualización e investigación profesional para A Parada das Bestas. O programa radiofónico Gente Viajera gañau o premio pola Labor de divulgación turísitco- hostaleira, e o Concello de Vigo o de Acción de conservación e defensa do patrimonio natural e cultural de Galicia.
Ademais, fíxose entrega dos ‘Dagda Extraordinario’, premios especiais concedidos pola redacción da revista HG&T e que en esta edición foron recaer en Fitur, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Begano- Coca Cola e Agua de Sousas.
O acto foi tamén o escenario de entrega dos premios aos campións e finalistas do Campionato galego de Cociñeiros Profesionais, o Campionato galego de Sumilleres, e o Campionato de Xefes de Sala-Maitres, que son organizados cada ano polo Grupo HG&T.