Máis de 7.500 persoas visitaron a exposición Confluencias” que mantén aberta a Consellería de Cultura e Educación na Casa da Parra de Santiago

Dado o éxito de público, a mostra prolonga a súa estadía en Compostela ata o vindeiro 2 de setembro, con horarios de acceso de martes a domingo

A colección exposta propón un diálogo entre as producións pictóricas de Jaime Quessada e o seu fillo, Xaime Quesada Blanco no marco do universo persoal e creativo compartido por ambos creadores ourensáns

María Jesús Blanco, viúva e nai dos artistas, e por Pilar Corredoira, coordinadora de Exposicións da Casa da Parra, exerceron como comisarias

Xov, 19/07/2012 - 10:52
Máis de 7.500 persoas visitaron a exposición Confluencias” que mantén aberta a C
Máis de 7.500 persoas visitaron a exposición Confluencias” que mantén aberta a Consellería de Cultura e Educación na Casa da Parra de Santiago

A exposición Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco que ofrece a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Casa de Parra de Santiago foi visitada desde a súa inauguración, o pasado 12 de abril, por máis de 7.500 persoas. Dado o éxito de público rexistrado, a selección de pinturas dos artistas ourensáns permanecerá aberta ata o 2 de setembro, co que prolongará dous meses a súa estadía en Compostela sobre as datas inicialmente previstas.  

Comisariada por María Jesús Blanco, viúva e nai dos artistas, e por Pilar Corredoira,  coordinadora de Exposicións da Casa da Parra,a mostra busca establecer un diálogo entre a obra pictórica de Jaime Quessada (1937-2007) e a do seu fillo, Xaime Quesada Blanco (1975-2006), ao tempo que propón unha reflexión sobre os puntos de encontro entre ambas producións a raíz dos fortes vínculos afectivos e artísticos entre os dous creadores ourensáns.

Coa inauguración en abril a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez feijoo, Confluencias iniciou a programación de 2012 na Casa da Parra, espazo que a Consellería de Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de contribuír directamente á promoción das artes plásticas en Galicia e, aproveitando o seu privilexiado emprazamento na emblemática praza da Quintana, favorecer o coñecemento da nosa creación artística entre os numerosos visitantes que recibe Compostela. 

Universos persoais e creativos

Coa colaboración da Fundación Xaime Quesada Blanco de Ourense, que atesoura a meirande parte do legado de pai e fillo, foron escollidas para a ocasión máis dunha trintena de obras moi significativas en ambas traxectorias, a través das que se propicia un novo e simbólico encontro artístico entre Quessada e Quesada.

As 32 pinturas e debuxos que reúne Confluencias –aproximadamente a metade de cada un dos creadores– foron realizados a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos. Incídese, pois, nas referencias comúns, aínda que constatando as lóxicas diferenzas estilísticas e xeracionais que, pola súa banda, servirán como referencia para entender a evolución da pintura galega nas últimas décadas do século XX. O percorrido complétase cun documental de 15 minutos de duración realizado a partir de material audiovisual inédito sobre ambos artistas.

Ofrécese así ao público unha nova e excelente oportunidade de se achegar á produción pictórica de Jaime Quessada como figura de referencia na arte galega do século XX, cunha relevante significación como artista e intelectual comprometido co seu tempo que transmite desde os diferentes ámbitos a través dos que desenvolve a súa obra: pintura, cartelismo, gravado, escultura, muralismo e literatura. E, ao tempo, afóndase na curta pero intensa traxectoria artística de Xaime Quesada Blanco, quen interpretou e incorporou o legado do seu pai desde unha perspectiva propia, non exenta de compromiso e carga experimental, na que destaca a súa temperán vocación e paixón polo emprego das novas tecnoloxías e as poéticas xeométricas. 

Con acceso gratuíto, o horario de visitas é de martes a sábado en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00, en tanto que os domingos só abre pola  mañá. Os días festivos a sala permanece pechada.

Menús News node R

Tema