Vázquez Abad asina un convenio de colaboración para conservar e difundir o patrimonio da Fundación Vicente Risco

Ao abeiro deste acordo, a Fundación Cidade da Cultura colaborará no proceso de dixitalización dos fondos bibliográficos e documentais para que poidan ser empregados tento na Biblioteca de Galicia como na Fundación Vicente Risco

A administración achegará 6.000 euros para a dixitalización de preto de 6.000 páxinas que documentan a obra de Vicente Risco

Mar, 17/07/2012 - 14:41
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez- Risco Daviña asinando o convenio (Autor: Conchi Paz)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez- Risco Daviña, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a conservación e difusión dos fondos bibliográficos e documentais da entidade.

A Fundación Cidade da Cultura achegará 6.000 euros para o desenvolvemento do proceso de dixitalización, de preto de 6.000 páxinas, que debe rematar antes do mes de novembro.

Os fondos

Con esta iniciativa, a Consellería, participa na difusión dos fondos entre os que se inclúen primeiras edición das obras de Vicente Risco; obras de Teixeira dedicadas ao intelectual ourensán; manuscritos, mecanuscritos, debuxos, fotografías, e outros materiais que Vicente Risco empregou para a realización de diversos traballos, así como correspondencia, e antigos borradores de prensa entre outra documentación.

Ao abeiro do devandito convenio realizarase a descrición bibliográfica, dixitalización e creación dos fondos seleccionados para ser entregados á Fundación Cidade da Cultura, de xeito que poidan ser empregados tanto para a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura como para a propia Fundación Vicente Risco. Amais a documentación pasará a engrosar os contidos da Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana) localizada en http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es.