O conselleiro de Cultura e Educación salienta o valor da obra de Acisclo Manzano “para explicar mediante a materia os símbolos formante da nosa cultura e a nosa identidade”

Vázquez Abad inaugurou ‘Luz na capela’, a mostra deste autor que acolle desde hoxe o santuario da antiga Fábrica de Papel de Lousado, en Piñor de Cea

Lun, 16/07/2012 - 20:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a mostra Luz na capela, de Acisclo Manzano, que acolle o santuario da antiga Fábrica de Papel en Lousado, no concello de Piñor de Cea.  Un acto no que salientou o valor da obra deste autor, dun dos artistas máis atentos, conscientes e sensibles que temos en Galicia”, para “comprender e explicar mediante a materia os símbolos formantes da nosa cultura e da nosa identidade”.

Tal e como sinalou o conselleiro, a mostra hoxe inaugurada é un exemplo da obra do escultor “pero tamén escenógrafo, xerador de espazos habitables e fondamente significativos”, que abre os ollos a “un xeito de coñecer distinto, emocional e preciosamente humano”. Neste sentido, Vázquez Abad sinalou a orixinalidade das esculturas e obras de Acisclo Manzano, froito “da peregrinaxe, a luz, a materia e a experiencia, filtradas a través dunha comprensión personalísima das distintas etapas e fitos creativos da Arte universal”.

Deste xeito, Vázquez Abad resaltou a importancia de contar con “creadores da forza e da vixencia de Acisclo Manzano na nosa terra, en Galicia, pois lémbranos que, por enriba das dificultades, cómpre sempre ter confianza no noso traballo e no indubidable talento que, como pobo, temos”.