O conselleiro de Cultura e Educación aposta pola formación do profesorado axeitada ás necesidades específicas de cada centro educativo
Xesús Vázquez Abad inaugurou hoxe os cursos de formación inicial para secretarios, xefes de estudos e para o acceso á función directiva de centros educativos
Neste acto explicou que o departamento que dirixe implementará por primeira vez un sistema de formación permanente nos colexios e institutos, de acordo coas súas fortalezas e debilidades
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, apostou hoxe pola formación permanente do profesorado en centros, axeitada ás necesidades específicas de cada centro educativo, un sistema que o departamento que dirixe implantará por primeira vez o vindeiro curso. Deste xeito, os colexios e institutos analizarán as fortalezas e debilidades detectadas nos resultados do seu alumnado e, en base a iso, cada centro elaborará un plan de formación, que se implementará no propio centro grazas ao apoio da Consellería. Así o explicou na inauguración dos cursos de formación inicial para secretarios, xefes de estudos e para o acceso á función directiva de centros educativos, onde indicou que “estes plans requiren da implicación de, polo menos, o cincuenta por cento do claustro, e adáptanse ás necesidades formativas de cada centro educativo, sempre na procura da mellora educativa do alumnado, sempre na procura da excelencia”.
Un total de 78 centros de ensino concorreron á primeira convocatoria desta iniciativa. Cada un deles poderá contar cun apoio económico que, para catro anos, poderá chegar a ata 24.000 euros. Así, e tal e como explicou Vázquez Abad, “estes proxectos supoñen, sobre todo nas difíciles circunstancias que estamos a vivir, unha aposta decidida do actual goberno da Xunta por unha educación pública de calidade”.
Formación para equipos directivos
A formación iniciada hoxe, a cargo do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), reúne en Santiago de Compostela a preto de 200 docentes, que abordarán ata o vindeiro día 20 diferentes cuestións arredor das funcións correspondentes á xestión e dirección de centros de ensino.
Así, nos diferentes cursos abordarase a xestión económica de centros de educación primaria e secundaria, os documentos pedagóxicos e organizativos, a programación e avaliación por competencias curriculares, ou o marco normativo relativo a estes centros e o seu persoal. Así mesmo afondarase en cuestións de interese na actualidade educativa, tales como as contornas virtuais e a seguridade en internet, ou a autoprotección nos centros educativos e a prevención dos riscos laborais.
Para enriquecer a experiencia, membros de colexios e institutos de diferentes localidades galegas exporán as súas experiencias de planificación e organización de IES e CEIP; e resolveranse supostos prácticos ao longo destas xornadas.
Estes cursos forman parte da oferta da Rede de Formación Permanente do Profesorado, que vén de recibir a certificación de calidade en base á Norma UNE-EN ISO 9001:2008, o que pon en valor o traballo da Consellería para fortalecer a rede, para optimizar os nosos recursos, enfocándoos ás demandas dunha sociedade que ten que dar resposta ás necesidades do alumnado do século XXI, nomeadamente en materia de novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e de idiomas.