O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugura a XX Feira do Viño no Rosal

A mostra reúne empresas vitícolas xa consolidadas e outras novas cun dobre obxectivo de promoción empresarial e turística

Haberá ademais carpas con produtos gastronómicos, exposicións artísticas e filatélicas e sesións de coñecemento técnico do viño

Vázquez Abad participa, así mesmo, na presentación do novo Escudo Bandeira municipais

Ven, 13/07/2012 - 20:34

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Unversitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a XX Feira do Viño no condado do Rosal, en Pontevedra. Esta mostra reúne na Praza do Calvario a numerosas empresas vitícolas xa consolidadas e outras máis novas que están a crecer, cun dobre obxectivo de promoción empresarial e turística.

No acto de inauguración tamén participaron o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela; o especialista en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Castro Pérez, encargado da lectura do pregón; o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso Gestoso; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

O viño, peza fundamental para a cultura e a economía do Rosal
A feira está composta por adegas que pertencen á Denominación de Orixe Rías Baixas e, en concreto, á subzona do Rosal, que abrangue o Baixo Miño e onde o viño, como afirmou o conselleiro, “é unha parte fundamental da súa vida, da súa cultura e da súa economía”. Concretamente, Vázquez Abad recoñeceu no seu discurso o “gran traballo tanto dos profesionais da hostalaría, como das persoas que dedican a súa vida ao coidado da uva e dos viñedos”.

A Praza do Calvario acollerá así 15 stands, dos que 13 son adegas e outros 2 estarán destinados a productos vexetais e ao Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, respectivamente. Haberá carpas con produtos gastronómicos propios da zona como polbo, carne ao caldeiro, empanada ou postres caseiros, todo isto acompañado por diversas opcións musicais en forma de charangas e murgas que amenizarán a feira. Ademais, levaranse a cabo toda unha serie de exposicións artísticas e filatélicas, así como sesións de coñecemento técnico do viño.

Normativización do escudo e a bandeira

Nesta última edición da mostra de viños preséntase o novo escudo e a bandeira oficiais do Concello do Rosal. No caso do escudo, contén os símbolos da popular actividade vinícola da zona: un acio de uvas e dúas follas de vide. O conselleiro aproveitou a súa intervención para “felicitar á actual corporación municipal e ao propio alcalde polo excelente traballo realizado na normativización da bandeira e do escudo do concello”. Neste sentido, afirmou que “o novo escudo, ademais de adaptado ás actuais normas heráldicas, non me pode parecer máis axeitado e propicio polos faustos motivos que, como vemos, se introducen nel”.

A Festa do Viño do Rosal supón unha cita fundamental para a promoción empresarial e turística non só para o pobo do Rosal senón para toda a zona do Baixo Miño. Constitúe unha peza clave da súa vida, da súa cultura e da súa economía. Como manifestou o conselleiro: “O viño, como realidade e símbolo, está presente na vida, no negocio, e na tradición cultural e literaria de meirande parte das civilizacións. E evidentemente, en Galicia e, dun xeito máis concreto, no Rosal, esta realidade histórica non é unha excepción”.