A Consellería de Cultura e Educación implantará 27 novos ciclos de FP, creará 2.600 prazas e aumentará en 200 os profesores

O departamento de Xesús Vázquez continúa a adaptar a oferta á demanda ao crear 2.600 novas prazas para o vindeiro curso, máis dun 12% respecto do pasado

O aumento da oferta nestes estudos fará necesario que o actual número de profesores de FP se incremente en máis de 200

O número de prazas en todos os ciclos formativos incrementouse a día de hoxe nun 23,1%, chegando ata os 42.755 estudantes matriculados

Ven, 13/07/2012 - 14:02

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria implantará para o vindeiro curso escolar 27 novos ciclos de Formación Profesional o que significa 2.600 novas prazas -máis dun 12% por riba do curso anterior-, tendo en conta tamén o aumento da oferta existente noutros grupos ou modalidades. Este incremento da oferta, xunto coa implantación do 2º curso de ciclos, xa establecidos no ano anterior, supón a necesidade de máis de 200 novos profesores de FP.

Desde o curso 2008-2009 o número de alumnado matriculado en FP incrementouse nun 23,1%, chegando o curso pasado ata os 42.755 estudantes. Non se descarta que co aumento que finalmente se produza para o vindeiro curso, o medre de alumnos acade o 30%. Este incremento reflicte o interese destes estudos entre a sociedade galega. Para dar resposta a estas necesidades a Consellería está a adaptar a oferta tanto de ciclos como de prazas.

Deste xeito, e no relativo aos 27 novos ciclos formativos, 23 substituirán a ciclos LOXSE, pertencentes a 13 familias profesionais. Ademais haberá 4 ciclos de nova creación, relativos ás familias de Enerxía e auga; Imaxe e son; Imaxe persoal; Seguridade e medio ambiente. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia continúa o seu labor para adaptar a FP galega ás necesidades da sociedade e dos sectores socioprodutivos na actualidade.

Currículos adaptados

Cómpre destacar que o actual goberno da Xunta xa ten aprobado a adaptación de 51 currículos de ciclos formativos, e ten previsto no que resta do 2012 se aproben os de  outros 24 novos currículos adaptados. Así todos os ciclos formativos LOE implantados contaran con currículos galegos.

Deste xeito vólvese dar conta do traballo desenvolvido a prol da adaptación da FP ás necesidades da sociedade actual, facendo un esforzo continuado por estes estudos como ferramentas fundamentais para sentar as bases do crecemento e o progreso en Galicia.

Incremento de prazas

Todo este proceso de adaptación supón que a oferta de prazas presenciais no primeiro curso se incrementarán nun 12% respecto do curso pasado o que se traducirá en 2.600 prazas máis que o ano pasado, o que fai un total de 23.623 prazas.

A comunidade galega conta con 17 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), dependentes da Consellería de Cultura e Educación, que aglutinan o 34% das prazas ofertadas en Galicia o que supón máis de oito mil, das que 1.716 serán de nova creación para este ano. Cómpre destacar o CIFP pasaron o curso pasado de 10 a 17 grazas a adaptación de sete centros en toda Galicia, o que reafirma o acerto que a Consellería tivo coa creación destes Centros Integrados de FP.

Formación a distancia

Ademais compre salientar que a oferta de ciclos formativos a distancia –unha iniciativa novidosa deste goberno- tamén creceu nun 233% nos últimos dous cursos e para o vindeiro 2012-2013 haberá 13 ciclos de grao superior e 7 de medio, o que suporá un total de 1.450 prazas que son o 107% máis en dito período de tempo. É de subliñar que o número de centros a través dos que se impartirá a FP a distancia pasou de 1 a 17 nestes últimos cursos e a idea da Consellería é a de incrementalos en anos vindeiros..

De cara á empregabilidade dos estudantes de FP a Xunta ten establecidas medidas para a mellora da cualificación dos traballadores recoñecendo as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e fomentando o emprendemento desde a mesma FP e a innovación.