Xesús Vázquez Abad comparte unha xornada de estadía lingüística con estudantes da ESO, en Vigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou no Centro Residencial Docente da cidade olívica a alumnos de 2º e 3º da ESO que están a mellorar as súas competencias en inglés

Estas estadías desenvólvense ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Lun, 09/07/2012 - 14:16
Vázquez Abad na visita ás instalacións
Vázquez Abad na visita ás instalacións

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe parte da xornada cos 135 estudantes de 3º da ESO que están a mellorar as súas competencias lingüísticas en inglés no Centro Residencial Docente de Vigo, nas estadías organizadas pola Consellería no marco do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Ao longo do verán, ata case catrocentos estudantes de 2º e 3º da ESO participarán nos restantes cursos de inglés e francés que se impartirán neste espazo. Hoxe Vázquez Abad estivo acompañado por responsables da empresa que está a desenvolver os cursos na cidade olívica; o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Durante a súa visita o conselleiro lembrou ás alumnas e alumnos a importancia das linguas estranxeiras para se desenvolveren tanto na vida académica como no seu futuro profesional. Neste sentido a Xunta de Galicia mantén un firme compromiso co impulso do ensino dos idiomas, e o vindeiro curso será o terceiro que se aplique o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Estadías

Os estudantes cos que se reuniu hoxe Vázquez Abad están a participar nas estadías formativas organizadas pola Consellería para que o alumnado de 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos mellore as súas competencias en linguas estranxeiras durante o verán. Así este ano convocáronse 2.568prazas para que os estudantes participen en estadías, tanto en ‘vilas inglesas’ en Galicia, como no estranxeiro, en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña.

Este ano, o programa de estadías contemplou por segunda vez prazas para que estudantes de FP de grao superior que teñan un módulo profesional de lingua estranxeira no currículo do seu ciclo poidan realizar estadías de tres semanas en Canadá.Ademais repítese, por terceira vez, a experiencia de integración dun grupo de 20 estudantes de 1º de bacharelato que durante 4 semanas, a principios de curso no sistema educativo canadense, compartiran aulas cos seus alumnos e profesores.

Impulso ao plurilingüismo

Co fin de que os estudantes galegos poidan ter acceso a un ensino plurilingüe, a Consellería de Educación, a través do devandito Plan, está a desenvolver numerosas iniciativas, entre as que destacan a creación da Rede Galega de Centros Plurilingües e o impulso das seccións bilingües. Cómpre lembrar que a Consellería vén de autorizar,de forma provisional,a autorización de 39 novos centros plurilingües e  do funcionamento de preto de 459 novas seccións bilingües, un 25% máis que o ano pasado, e que se sumarán ás 1.863 que estaban a funcionar no curso 2011/2012.