A Consellería de Cultura e Educación mailo Consello da Cultura Galega organizan o II Foro INDCREA sobre emprendemento e innovación nas empresas culturais

Desenvolverase do 17 ao 19 de xullo na illa de San Simón coa asistencia de máis de 50 expertos internacionais procedentes de universidades, empresas e institucións

Está confirmada a participación de especialistas como Rafael Rodríguez Ponga, secretario xeral do Instituto Cervantes, ou Manuel Toharia, director científico da Ciudad de las Artes y las Ciencias de Valencia

As sesións transmitiranse en streaming a través da canle San Simón TV e terán seguimento en Twitter baixo a etiqueta #INDCREA012

Lun, 09/07/2012 - 14:14

A Cultura Emprendedora e Innovadora para as Industrias Culturais será o eixo central da segunda edición do Foro Internacional INDCREA que, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto ao Consello da Cultura Galega, celebrarase entre o 17 e o 19 de xullo na illa de San Simón, como actividade do Laboratorio Permanente de Industrias Culturais.

Máis de 50 expertos internacionais procedentes dos ámbitos académico e profesional vinculados á industria cultural e creativa, tanto desde a perspectiva do creador como  das do empresario, empregado ou promotor, centraranse na análise na cultura emprendedora como un dos piares do desenvolvemento do sector.

Desenvolvido por parte da Consellería a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Fundación Illa de San Simón, o proxecto INDCREA ten como obxectivo analizar e atopar novas fórmulas (a través do debate, a reflexión e mesmo a investigación) que permitan enfrontar con éxito os desafíos de futuro das industrias culturais e creativas, un sector estratéxico en Galicia non só polo seu capital artístico senón tamén pola importancia do tecido produtivo relacionado, cunha gran capacidade de xeración de emprego e de resistencia á crise económica.

Así, neste foro analizaranse aspectos como o valor económico das industrias culturais,  os modelos de negocio existentes e emerxentes ou a necesidade de acometer unha reestruturación imposta pola crise económica e a reconversión tecnolóxica. Tamén se abordarán as estratexias de futuro e as tendencias a explorar para incrementar os mercados, avanzar na I+D+i ou buscar novos procedementos de interacción coas institucións e os axentes sociais.

Comités organizador e científico

O comité organizador do II Foro Internacional INDCREA está presidido polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero; e á fronte do comité científico está Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. A dirección académica e científica corre a cargo dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López e Francisco Campos; e da Universidade da Coruña, Valentín Alejandro Martínez.

Cultura dixital e redes

Outros asuntos que se tratarán ao longo deste encontro van desde a importancia económica e cultural no contexto da globalización ata o ecosistema creativo, innovador, colaborativo e comercial da cultura dixital, a problemática e os novos modelos de negocio na industria musical, o potencial da cultura e as marcas nas redes sociais, o impacto do cambio do paradigma dixital, a alfabetización mediática, a divulgación científica, a promoción e o emprendemento turístico vencellado á cultura ou a investigación no eido das industrias creativas.

Ademais dun amplo colectivo de profesores universitarios e profesionais galegos, encargaranse de analizar todos estes aspectos destacados expertos que desenvolven o seu traballo fóra de Galicia, como son os casos de Rafael Rodríguez Ponga, secretario xeral do Instituto Cervantes; Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia; Paulo Faustino, secretario da Asociación Portuguesa de Medios de Comunicación Social; Gonzalo López Campos, director do selo Movistar Música; Francisco Aguadero, investigador, comunicador e especialista en comunicación social; ou Juan Nouche, produtor multimedia de Otiiplanet.com, entre outros.

Do ámbito académico, viaxarán a San Simón con motivo de INDCREA 2012 Neysi Palmero, catedrática da Facultade de Comunicación e Mercadotecnia da Universidade Autónoma de Guerrero (México), Francisco Rui Cadima, catedrático de Comunicación da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa; Ana Cristina Correia Gil, profesora da Universidade Pública das Açores (Portugal); Rosario de Mateo, catedrática de Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona; Juan Carlos Miguel de Bustos, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco; José Ignacio Aguaded, catedrático de Medios e Novas Tecnoloxías da Comunicación aplicadas á Educación da Universidade de Huelva; Franc Ponti, profesor da escola de negocios EADA de Barcelona e Antoni Serra Cantallop, profesor da Universidade das Illas Baleares.

O encontro será retransmitido en streaming pola canle San SimónTV, á que se pode acceder a través da páxina web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org). Tamén se realizará un completo seguimento en Twitter desde a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #INDCREA2012.