A Xunta de Galicia celebra a entrega de premios do certame de declaracións de amor na rede ‘Lingua de namorar’

Durante o acto Xesús Vázquez Abad recordou que este premio naceu co obxectivo de dinamizar o galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías

As consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Traballo e Benestar co-organizaron o concurso con motivo do dobre festexo, o 17 de maio, do Día das Letras Galegas e do Día Internacional de Internet

Ven, 06/07/2012 - 19:31
Entrega de premios do certame de declaracións de amor na rede ‘Lingua de namorar
Entrega de premios do certame de declaracións de amor na rede ‘Lingua de namorar’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, fixeron entrega hoxe, na Casa das Asociacións de Santiago de Compostela, dos premios de Lingua de namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a35 anos.

“O galego foi na Idade Media a lingua preferida para a poesía amorosa, non só en Galicia, senón en toda a península Ibérica. De forma maioritaria o galego é o idioma que preferimos os galegos para relacionarnos cos que máis aprezamos. A lingua galega, daquela, foi, é hoxe e queremos que continúe sendo lingua de namorar”. Con estas palabras explicou o conselleiro de Cultura e Educación as razóns polas que desde o seu departamento se puxo en marcha, en colaboración coa Consellería dirixida por Beatriz Mato Otero, o novo certame co que a Xunta de Galicia lle quixo dar cumprimento aos obxectivos establecidos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) para impulsar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

Amais, Vázquez Abad salientou durante a súa intervención que “Lingua de namorarprocurou tamén aumentar a presenza da lingua galega en internet e aproveitar as oportunidades de promoción do galego e de participación que ofrece a web 2.0 para estimular a interactuación en galego da xente nova”. Xa que “as linguas asociadas á creatividade, á vangarda e ás maneiras de comunicación que posibilitan as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) son as que collen o tren do futuro”.

Enxeño xuvenil

Pola súa parte, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou a gran calidade das mensaxes premiadas, ”demostra que, cando se quere de verdade, 350 carácteres son suficientes para conseguir extraer o mellor da creatividade xuvenil galega” e que ademais, “son estes mozos e mozas os que están na vangarda e poden ter un punto rebelde, e mesmo transgresor, pero ante os que debemos manter un absoluto respecto pola súa calidade creativa”. 

Ao fío disto, lembrou que “toda unha xeración de nativos dixitais galegos xa están en idade de namorar e internet e as novas tecnoloxías substituíron as fórmulas e os sistemas de comunicación, pero non a profundidade da mensaxe nin tampouco o idioma utilizado”.

Ao acto de entrega de premios asistiron, ademais de Vázquez Abad e de Rodeiro Tato, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a deputada provincial de Benestar Social, Igualdade e Normalización Lingüística, Zaira Rodríguez Pérez e a concelleira delegada de Educación e Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, Rebeca Domínguez Iglesias. No acto, o cantautor Manoele de Felisa musicou e interpretou á guitarra as seis mensaxes gañadoras de Lingua de namorar.

Premios á creatividade amorosa en lingua galega

O concurso Lingua de namorar recolleu nas súas bases dúas categorías de idade. Así na categoría A, de 14 a19 anos, resultaron gañadores, co primeiro premio, Christian García Sandamil, da Pastoriza (Lugo), coa mensaxe “Non cho penso repetir”; co segundo premio, Ángel Manuel Torres Ferradás, de Bueu (Pontevedra), coa mensaxe “Beizos que percorren”; e co terceiro premio, Paula Lourido Santiago, de Soutomaior (Pontevedra), coa mensaxe “Quérote”. Todos recibiron un diploma acreditativo, e o primeiro premiado recibiu un ordenador netbook, o seugno unha consola Wii e o terceiro unha cámara de fotografías dixital.

Por outra banda na categoría B, de 20 a35 anos, as gañadoras son, co primeiro premio, Paula Leticia Martínez Regal, de Viveiro (Lugo), coa mensaxe “Desde”; co segundo premio, Paula Rodríguez Fraga, da Coruña, coa mensaxe “Elaeu”; e co terceiro premio, María Beatriz Fernández Vázquez, de Abegondo (A Coruña), coa mensaxe “Sábesme”.  Os galardoados recibiron respectivamente un iPad, un libro electrónico cunha selección de títulos en galego e unha cámara de fotos dixital, amais do xa citado diploma acreditativo.

As mensaxes gañadoras, que deberon estar redactadas en lingua galega e non superar os 350 caracteres, foron elixidas polo xurado do concurso de entre as 100 declaracións máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade.

Participación internacional

Durante as cinco semanas que estivo aberto o concurso Lingua de namorar, participaron preto dun milleiro de mozos e mozas, entre os usuarios que enviaron as mensaxes e os votantes, que participaron con máis de 1800 votacións. A procedencia das persoas participantes era, fundamentalmente, galega, aínda que se recibiron mensaxes de mozos e mozas residentes noutras zonas de España (Madrid, Cataluña, País Vasco e Andalucía), de Europa (Francia, Suíza e Alemaña) e de América (Arxentina).

Todas as mensaxes que participaron en Lingua de namorar pódense ler na páxina web do concurso www.xunta.es/linguagalega/linguadenamorar e tamén en  www.facebook.com/LinguadeNamorar.

O galego, lingua da mocidade e da web 2.0

O PXNLG fai fincapé no sector social da mocidade e propón obxectivos e medidas dirixidas a esta franxa de idade que as consellería de Cultura e Educación e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüistica e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente, concretan, entre outras iniciativas, no concurso Lingua de namorar. Do mesmo xeito, a folla de ruta do Goberno galego no eido da promoción do uso da lingua propia de Galicia, tamén considera prioritario o sector das TIC.

Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega

Lingua de namorarcontribúe ademais, no marco do Plan Estratéxico Xuventude 2013, deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ao fomento da lingua galega entre a mocidade. Coa aprobación da nova Lei de Xuventude de Galicia, ratificada polo Parlamento de Galicia o pasado mes de xuño, as políticas de promoción e dinamización do galego entre a xente nova formarán parte dos sucesivos Plans Estratéxicos de Xuventude impulsados pola Administración autonómica.

Menús News node R