Máis de 80 estudantes de fóra de Galicia aprenderán galego en Santiago de Compostela grazas aos cursos de verán promovidos por Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe a XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia

Corenta e cinco alumnos e alumnas proveñen de vinte e seis Centros de Estudos Galegos dependentes da consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad radicados en universidades europeas e americanas

Os cursos están organizados pola Real Academia Galega e polo Instituto da Lingua Galega, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia

Ven, 06/07/2012 - 17:41
Máis de 80 estudantes de fóra de Galicia aprenderán galego en Santiago de Compos
Máis de 80 estudantes de fóra de Galicia aprenderán galego en Santiago de Compostela grazas aos cursos de verán promovidos por Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe a XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia, que se están a desenvolver na Universidade de Santiago de Compostela (USC) ata o vindeiro 27 de xullo.

No acto de inauguración, que tivo lugar na sede da Real Academia na Coruña (RAG), participaron, amais de García Gómez, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da universidade compostelá, Víctor Millet; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Rosario Álvarez Blanco; e o director dos cursos, Francisco Fernández Rei.

O secretario xeral déulles aos 86 alumnos e alumnas matriculados a benvida “a Galicia e ao galego” e animounos “a aproveitar a súa estadía nunha cidade tan emblemática e internacional como é Compostela, como oportunidade única de convivir coa lingua e coa cultura galegas”. García Gómez salientou a importancia “destes cursos na proxección internacional do galego, ao favoreceren dinamizar a lingua de noso máis aló das nosas fronteiras, así como consolidar o uso activo do idioma, en maior ou menor medida, noutros continentes”. O titular de Política Lingüística puxo en valor “o papel crucial que xogan a RAG e o ILG na difusión mundial do galego, tanto a través desta iniciativa coma das outras moitas que desenvolven en prol da súa difusión, coñemento e dignificación”.

 

Achegarse de primeira man ao galego

O obxectivo dos cursos é o de darlle a oportunidade ao alumnado de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Para acadar este fin, a programación dos cursos contempla -amais das habituais clases teóricas e prácticas de lingua- conferencias sobre literatura, historia, música, arte etc., canda o visionado de filmes e documentais de produción galega. O amplo programa de actividades complementarias inclúe visitas de interese cultural e paisaxístico que propiciarán o despregamento do grupo de estudantes por moitos dos lugares máis senlleiros do país.

 

Catro niveis de aprendizaxe

Os cursos programan distintos niveis: elemental 1, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento; elemental 2, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma; medio -no que hai matriculado un maior número de persoas, entre as que se atopan estudantes que cursan lingua galega nos Centros de Estudos Galegos dependentes da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e mais un curso superior de Filoloxía Galega, que inclúe catro seminarios impartidos por profesorado da titulación homóloga da USC, para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.

 

86 alumnos e alumnas de 22 países de Europa, América e Asia

Logo de vinte e cinco edicións destes cursos de verán, xa levan participado neles arredor de 2.500 alumnos e alumnas de diferentes países do mundo. Nesta, fano un total de 86 estudantes procedentes de 22 estados diferentes: Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, Chile, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Kazakhstan, México, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Serbia, Ucraína, Xapón e España. Neste último caso, os lugares de procedencia do alumnado son O Bierzo, Cataluña, Euskadi, Andalucía, Madrid, Estremadura, Canarias e Valencia.

 

Estreita colaboración institucional para garantir a oferta de cursos de verán

A consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad organiza durante este mes cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras en colaboración coa RAG e co ILG (USC) e mais coa Universidade da Coruña. Mercé a esta colaboración un total de 109 alumnos e alumnas procedentes de catro continentes (Europa, América, Asia e África) e de 24 estados diferentes achéganse por primeira vez ao galego, ou perfeccionan a súa competencia previa adquirida sobre o idioma.

Menús News node R