A Consellería de Cultura e Educación prorroga o decreto de prezos públicos do curso 2011/12 para facilitar ao alumnado universitario a matrícula mentres se tramita o do curso 2012/13

Manteranse en vigor as taxas do curso 2011/12 de xeito transitorio ata a publicación do novo decreto para o vindeiro curso

Deste xeito os estudantes poderán formalizar a súa inscrición dende o día 13 de xullo, dando seguridade xurídica ao alumnado universitario

Xov, 05/07/2012 - 16:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prorroga temporalmente os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2011/12 ata que se publique o decreto polo que se fixan as taxas para o vindeiro curso nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Unhas taxas que, tal e como aprobou este luns o Consello Galego de Universidades (CGU), permanecerán conxeladas nas primeiras matrículas de grao, tal e como comprometera a Xunta de Galicia, cuxo Consello deu hoxe o visto e prace a esta prórroga.

Os motivos da presente prórroga, que estará vixente mentres se está a tramitar o decreto que recibiu o informe o pasado luns do Consello Galego de Universidades, céntranse na necesidade de que as universidades e o alumnado poidan realizar con normalidade os trámites de matrícula.

O inicio do período de matrícula está fixado nas universidades galegas para o vindeiro 13 de xullo. Esta data avanzouse respecto a outros anos, posto que as universidades galegas decidiron comezar o curso académico 2012/13, nos primeiros días de setembro. O Decreto de prórroga hoxe aprobado garante os dereitos do alumnado, outorgando seguridade xurídica.

O Decreto consta de dous artigos, dos cales o primeiro prorroga a vixencia do Decreto 133/2011, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2011/12, ata que se dite o Decreto en que se fixen definitivamente os prezos públicos para o curso 2012/13.

O segundo establece que, unha vez publicado o Decreto que fixe os prezos públicos para o curso 2012/13, as universidades procederán á regularización, se é o caso, dos prezos aboados, tendo o alumnado a posibilidade de solicitar a anulación da súa matrícula co correspondente reintegro da cantidade aboada.

Antecedentes

Hai que ter en conta que ata o pasado 13 de xuño, en que se celebrou a Conferencia General de Política Universitaria en Madrid, non se aprobou a mecánica para a fixación de prezos para as matrículas do vindeiro curso, non se puido comezar o proceso de negociación do novo decreto coas universidades. Ese proceso rematou a pasada semana co envío do borrador ás universidades, que recibiu o informe favorable o pasado luns. Hai que considerar tamén que en Galicia as taxas universitarias, por lei, teñen a consideración de prezos públicos, o que obriga a aprobalas mediante decreto, o que alonga o proceso de tramitación.