A Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG nunha nova plataforma de difusión de actividades entre Galicia e o norte de Portugal

Figuran tamén como socios fundadores do proxecto o Theatro Circo de Braga e a entidade Turismo do Porto e Norte de Portugal

A colaboración ten como obxectivo a optimización do intercambio e divulgación cultural entre os territorios dos dous países

Mér, 04/07/2012 - 14:06
A Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG nunha nova plataf
A Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG nunha nova plataforma de difusión de actividades entre Galicia e o norte de Portugal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa, a través do Centro Dramático Galego (CDG), na posta en marcha dunha nova plataforma de difusión de actividades culturais entre Galicia e o Norte de Portugal, que ten como obxectivo a optimización do intercambio e a divulgación das actividades que se desenvolven nos territorios dos dous países.

O proxecto foi presentado hoxe en Santiago na oficina de turismo portuguesa PortoeNorte, que vén de abrir as súas portas na compostelá Rúa do Vilar, nun acto que contou coas intervencións de Manuel Guede, director do CDG; e dos representantes das dúas entidades lusas que tamén comparten a iniciativa: Rui Madeira, director do Theatro Circo de Braga e Marco Sousa, delegado de Turismo.

A unidade de produción teatral da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) forma parte da xénese deste proxecto e ocuparase da primeira parte da súa aplicación, xa que se prevé que nos próximos meses poida facerse extensivo a outros departamentos e organismos da Consellería de Cultura e Educación.

Mobilidade de espectadores

Segundo os seus fundadores, a plataforma nace coa misión de salvar as barreiras que se sitúan entre os dous territorios, tan próximos xeográfica e culturalmente, de xeito que se favoreza a mobilidade recíproca de público potencial galego e portugués cara as actividades de interese que se programen aos dous lados da fronteira. Na práctica, o proxecto materializarase mediante a divulgación de información conxunta, o fluxo mutuo de información entre os soportes web dispoñibles ou a posta a disposición de material promocional galego en expositores dispostos no aeroporto internacional Sá Carneiro do Porto.    

No acto presentouse ademais a carteleira do Theatro Circo, un amplo abano de propostas que comeza este sábado 7 de xullo coa representación de Faust Fantasia a cargo do mítico director Peter Stain, unha oportunidade única de gozar do traballo do xenio berlinés que os organizadores poñen tamén a disposición dos espectadores galegos.

Menús News node R

Tema