O Conselleiro de Educación destaca aos docentes como “un dos principais motores do avance da sociedade polos camiños do progreso” na homenaxe a Manuel Barcia Valiñas

O exdirector do colexio de Vedra recibiu hoxe o recoñecemento da comunidade educativa polos seus 29 anos á fronte do centro de ensino do concello

Mar, 03/07/2012 - 21:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o papel dos docentes como “un dos principais motores do avance da sociedade polos camiños do progreso, axentes activos dunha transformación de mentalidades e actitudes que son máis necesarios hoxe que nunca”. Neste sentido, o conselleiro mostrouse honrado por participar na homenaxe a quen fora director do colexio de Vedra durante 29 anos, Manuel Barcia Valiñas, “un home bo, que baixo o seu xesto serio tratou sempre de potenciar que florecese o mellor de cada quen”.

Neste marco, Vázquez Abad describiu ao homenaxeado como “un docente serio, responsable, traballador, respectuoso e comprometido; un home bo, en toda a extensión da palabra”. Un home “que responde á perfección ao modelo de docente do que falaba Séneca cando recomendaba aos seus contemporáneos elixir «por mestre a aquel a quen se admire, máis polo que nel se ve, que polo que se escoita dos seus labios»”

Traxectoria profesional

Así mesmo, o conselleiro fixo un repaso pola traxectoria profesional de Barcia, desde o nacemento do colexio público comarcal de Vedra ata o momento actual. “Centos de alumnas e alumnos foron pasando polas aulas dun centro que foi tamén evolucionando cos tempos, sendo tamén Colexio Público de EXB de Vedra, CEIP de Vedra e, hoxe en día, Centro Público integrado de Vedra. Alumnas e alumnos que hoxe son persoas de proveito, profesionais responsables, nais e pais, boas persoas”

Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou ao homenaxeado “por facerte merecedor dunha homenaxe tan agarimosa”. “Pódeste sentir ben orgulloso do teu traballo, porque só facéndoo da mellor maneira se deixa unha pegada tan forte como a túa”, rematou.

Ao acto asistiron ademais do propio homenaxeado, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo; o ex-alcalde do concello, Odón Cobas García, e un gran número de persoas que foron e son membros da comunidade educativa do CPI de Vedra.