Vázquez Abad asina un convenio coa Fundación A Rosaleda para dinamizar o galego no ámbito sanitario

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Xerardo Fernández Albor comprometéronse a desenvolver conxuntamente accións dinamizadoras para favorecer a promoción do uso da lingua nas escolas hospitalarias

Mar, 03/07/2012 - 14:08
Xesús Vázquez Abad asinou un convenio co presidente da Fundación La Rosaleda, Xe
Xesús Vázquez Abad asinou un convenio co presidente da Fundación La Rosaleda, Xerardo Fernández Albor, para o desenvolvemento de actuacións de dinamización lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe con presidente da Fundación La Rosaleda, Xerardo Fernández Albor, un convenio de colaboración para a realización dun programa de actuacións en materia de dinamización lingüísitica.

Na sinatura pública do acordo tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cuxo departamento -dependente de Cultura e Educación- será o encargado de desenvolver os compromisos adquiridos está mañá na sede da Fundación.

Accións de dinamización lingüística internas e externas

O convenio de colaboración asinado entre as dúas entidades ten como obxectivo a progresiva implantación do galego no funcionamento interno da Fundación (documentación administrativa e sanitaria, comunicación pública, sinaléctica, sinalización e usos protocolarios) e a planificación e o desenvolvemento de accións externas específicas de dinamización lingüística dirixidas ás franxas de idade máis novas. Tal é o caso da vindeira edición dun libro infantil sobre os coñecidos personaxes “Os Bolechas”, no marco do programa “Literapia”, que a Fundación desenvolve nas escolas hospitalarias. Mediante esta iniciativa a consellería dirixida por Vázquez Abad e a fundación presidida por Fernández Albor propiciarán un achegamento á lingua galega por parte dos nenos e nenas que pasan por estadías hospitalarias.

Do mesmo xeito, a Fundación incorporará o galego e contribuirá á súa dinamización no ámbito sanitario mediante a galeguización da súa documentación interna, que se redactará integramente en galego co apoio do Servizo de asesoramento lingüístico da Secretaría Xeral de Política Lingüística no referente a cuestións lingüísticas e terminolóxicas. Así mesmo, a entidade sumarase, de maneira progresiva, á normalización lingüística nas actividades e actos que organice e na súa comunicación pública. O galego entrará tamén, en virtude deste convenio, nas sinalizacións das súas instalacións, así como na documentación administrativa e na divulgación dos seus actos sociais, tras o compromiso adquirido por La Rosaleda de organizar, xestionar e executar todas as actividades anteditas.

Intereses comúns no fomento do galego

Cómpre recordar que a Fundación foi constituída no 2004 co obxectivo de promover, desenvolver e divulgar a investigación e o coñecemento científico da medicina e as disciplinas relacionadas coas ciencias da saúde e as ciencias humanísticas así como calquera actividade de carácter científico e de índole cultural.

Deste xeito a Consellería continúa a desenvolver actuacións para acadar a normalización plena na lingua galega garantindo a cooficialidade do galego, asi como a adoptar as medidas necesarias para o fomento do seu uso. As iniciativas enmarcadas no convenio de colaboración coa Fundación La Rosaleda contribúen á consecución das medidas establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) no sector da Sanidade.