Vázquez Abad valora as estratexias culturais dentro da responsabilidade social empresarial como unha oportunidade para a creación de emprego e o desenvolvemento social

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou a xornada ‘Cultura e Responsabilidade Social Empresarial’ celebrada hoxe no Gaiás

Mar, 03/07/2012 - 11:20

Vídeo (1) coas declaracións do conselleiro de Cultura e Educación

Vídeo (2) coas declaracións do conselleiro de Cultura e Educación

Vídeo (3) coas declaracións do conselleiro de Cultura e Educación

O conselleiro de Cultura e Educación na xornada sobre Cultura e Responsabilidade
O conselleiro de Cultura e Educación na xornada sobre Cultura e Responsabilidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe as “dúas vertentes importantísimas ás que están atendendo as estratexias culturais dentro da responsabilidade social”: a que promove a produción cultural, e polo tano o emprego e a actividade creativa, e, ao mesmo tempo, a que fomenta o desenvolvemento social, a integración e a formación. Así o expresou na inauguración da xornada Cultura e Responsabilidade Social Empresarial, que reúne hoxe na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a profesionais e especialistas académicos da RSE. Así mesmo, participan neste encontro programadores culturais, técnicos de dinamización social e estudantes e persoas interesadas na análise dos vínculos entre ambos os eidos, a cultura e a RSE.

Vázquez Abad sinalou a necesidade de favorecer o debate arredor das potencialidade da cultura dentro das estratexias empresariais de actuación social sobre o contorno, un campo, o da RSE, ata o momento centrado en aspectos como o respecto polo medioambiente ou as accións sociais de integración. Neste sentido, o conselleiro explicou que a idea renovada das potencialidadades da cultura e da necesidade de integrala nas estratexias dos diferentes sectores sociais e económicos comeza a estar asentada nas políticas europeas. Unha “aposta  polos sectores creativos como valor de mercado, na que estamos convencidos de que Galicia terá unha oportunidade única”, dixo.

Así mesmo, o conselleiro fixo fincapé no valor da xornada que hoxe se celebra no Gaiás para elaborar reflexións “sobre como favorecer a accesibilidade á cultura, estratexias posibles de contribucións á conservación e difusión do patrimonio cultural, a participación creativa, o coñecemento e a posta en valor das tradicións culturais”. “Nese sentido –salientou– temos a obriga de explorar vías novas de traballo e de posta en relación dos distintos sectores que contribúan ao desenvolvemento permanente do noso panorama cultural”.

Así mesmo, salientou a lingua como outro factor importante nas estratexias de responsabilidade co contorno. “Favorecer actuacións de promoción da lingua galega, - dixo- no noso caso, naqueles contextos nos que precisa un impulso que garanta usos fluídos, sen desigualdades, pode ser un enfoque perfectamente viable dentro das estratexias de responsabilidade social”.

No acto de inauguración estiveron tamén presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Mariñá; a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz G. Loroño; e Jorge Gómez, responsable de FalRSE.

Contidos da xornada

O programa desta xornada –dispoñible a través do sitio web http://www.cidadedacultura.org/cultural/seccion.aspx?Id=381– iníciase cun relatorio de apertura da docente e investigadora en RSE da Facultade de Economía e Empresa da UDC, María Dolores Sánchez Fernández, titulado “Cultura e responsabilidade social: un binomio estratéxico”.

A continuación, desenvolverase unha mesa redonda sobre “A integración das linguas dentro da estratexia de responsabilidade social das empresas”, na que participará a responsable de comunicación de R, Malú Bergantiños, o profesor do Departamento de Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, e o director de N-Nova, Jorge Gómez, que presentarán iniciativas e experiencias na incorporación da lingua galega vinculada á RSE.

A seguir, haberá unha mesa de debate na que María Lemos, do Programa de participación social do Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, Antonio Cortés, director de Márketing de Gadisa, Pablo Zunzunegui, director xerente de DMC Galicia, e Beatriz Lorenzo, directora editorial de FalaRSE, reflexionarán sobre o tema “Empresa e Cultura. O tecido empresarial como aliado dos proxectos culturais”.

A mañá complétase coa mesa redonda “A conservación do patrimonio: cara a un turismo responsable e sostible”, na que participarán Paula Remoaldo, da Universidade do Minho, Marta Arenas, da asociación de Executivas de Galicia, e Yolanda García, do proxecto Galicia Auténtica da Universidade de Santiago de Compostela.

Xa pola tarde, terán lugar dúas mesas de experiencias de actuacións no ámbito cultural desde a responsabilidade social das empresas, así  como de iniciativas de inclusión social a través de manifestacións culturais, de mans de organizacións que traballan na integración de colectivos desfavorecidos.