O Consello Galego de Universidades informa favorablemente sobre o decreto que conxela as taxas universitarias
No encontro de hoxe, celebrado na Cidade da Cultura, o documento foi aprobado pola maioría dos asistentes
Os prezos de Galicia serán dos máis baixos de todo o Estado tal e como comprometera o goberno da Xunta
As subas propostas para máster e segundas e sucesivas matrículas redúcense ao mínimo ao distribuírse durante tres cursos académicos
Na reunión tamén se deu conta do proceso de tramitación do proxecto da Lei de Universidades unha vez que foi aprobado en Consello da Xunta, e co que se pecha o desenvolvemento universitario da lexislatura despois do plan de financiamento e do decreto de titulacións
No Consello Galego de Universidades (CGU) informouse favorablemente sobre o decreto que conxela as taxas universitarias nas primeiras matrículas e contén unha suba mínima de master e segundas e sucesivas matrículas.
Dunha banda, posto que Galicia acóllese ao límite inferior das forquitas establecidas polo Ministerio para cada tipo de matrícula. Doutra, por repartir o importe da suba ao longo de tres cursos académicos.
Asemade no CGU, celebrado hoxe pola mañá na Cidade da Cultura, foron designados o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato en substitución do da Coruña, e mantense o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long como representantes das universidades públicas de Galicia no Consello da Cultura Galega.
Prezos públicos
En cumprimento do compromiso adquirido coas universidades e coa sociedade galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, levou ao CGU a proposta de conxelar as taxas universitarias en primeira matrícula, tal e como leva defendendo desde hai meses. Así o recordou o conselleiro Xesús Vázquez Abad que dixo que “mantivéronse contactos con responsables do Ministerio de Educación aos que se presentaron informes en defensa da postura da Xunta de Galicia sobre a forma de levar á práctica a nova mecánica de fixación de prezos. Tívose sempre presente a postura dos tres reitores das universidades públicas galegas cos cales, dende o primeiro momento estableceuse un diálogo no que sempre quedou constancia dunha visión moi similar no tratamento do tema”.
A isto engadiu que “unha vez celebrada a Conferencia General de Política Universitaria do 13 de xuño, as Comunidades Autónomas poderán fixar o prezo do custo do servizo en base a cálculos rigorosos, que servirá de base para a aplicación das porcentaxes establecidas no Real decreto-lei, interpretación en liña coa proposta por Galicia ao Ministerio”.
En concordancia con isto hoxe a Consellería presentou a súa proposta de prezos públicos, que foi aprobada pola maioría, con dúas abstencións e un voto en contra, do CGU de tal xeito que queda do seguinte modo:
PREZO DO CRÉDITO NOS GRAOS:
|
experimentais |
Non experimentais |
incremento |
1ª matrícula |
13,93 |
9,85 |
0 |
2ª matrícula |
19,30 |
13,62 |
20% |
3ª matrícula |
31,21 |
22,04 |
66% |
4ªeseg. matrículas |
39,79 |
28,06 |
90% |
PREZO DO CRÉDITO NOS MÁSTER PROFESIONALIZANTES:
|
experimentais |
Non experimentais |
incremento |
1ª matrícula |
29.81 |
20.25 |
0 |
PREZO DO CRÉDITO NOS MÁSTER NON PROFESIONALIZANTES:
|
experimentais |
Non experimentais |
incremento |
1ª matrícula |
31.36 |
21.61 |
6% |
Así mesmo conxélanse as tarifas de expedición de títulos e secretaría, que serán os mesmos que o pasado curso académico, así como a tarifa correspondente á titoría anual de doutoramento, que suporá 200 euros.
Así mesmo, acordouse un prezo de 20 euros por dereitos de exame, a aplicar naquelas titulacións que xa non imparten docencia.
Estas cifras manterán os prezos da nosa comunidade como uns dos máis baixos do Estado, tal e como se comprometera o goberno da Xunta, podendo chegar a ser os máis baixos se finalmente Canarias opta por subir as taxas.
Lei de Universidades
Por outra banda e respecto da Lei de Universidades o CGU foi informado que neste momento o proxecto, unha vez que foi aprobado en Consello da Xunta esta en proceso de tramitación parlamentaria e desde o pasado 27 de xuño ata o 13 de setembro está aberto o prazo de presentación de emendas, no Parlamento.
Convenios de colaboración
Por outra banda, tamén se informou sobre a tramitación das correspondentes addendas aos convenios de colaboración para a realización do Prácticum do Máster universitario en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas. A Consellería ven asinando os convenios coas universidades do SUG e coa UNED a tal fin dende o ano 2009.
Unha vez recibidas as propostas de prazas a ofertar polas universidades para o curso 2012-2013, tramitáronse as addendas cunha oferta total de 815 prazas distribuídas entre as especialidades do Máster, 40 máis que no pasado curso.
Destas prazas, 240 corresponden á USC, 195 á UDC, 280 á UVIGO e 100 á UNED. Destaca o incremento da oferta por parte das universidades da Coruña e Vigo que para o curso 2012-2013 engaden a especialidade de Orientación con 20 prazas cada unha delas.
Os asistentes
Na reunión, celebrada en Santiago na Cidade da Cultura, estiveron presentes o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o Director Xeral de I+D, Ricardo Capilla Pueyo; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario, Lourdes Rodilla. Así mesmo estiveron os reitores de Santiago, Coruña e de Vigo; Juan Casares Long, Xosé Luis Armesto e Salustiano Mato respectivamente.
Xunto a eles asistiron ao CGU o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López Pereira; os presidentes dos consellos sociais das universidades, Manuel Puga (USC) e Ernesto Pedrosa (UVIGO), mentres que Antonio Abril (UDC) desculpou a súa presenza. Ademais de Maite Cancelo, Manuel Ladra, Federico Vilas, José Manuel Cid e Carlos Pajares, como membros designados polo Parlamento.