Xesús Vázquez Abad asegura que a exposición de gravados de Manuel Facal é “a mellor forma de achegarse á obra dun dos artistas plásticos máis salientables do noso tempo“

O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou hoxe no Museo do Gravado de Artes de Ribeira unha mostra que está composta por máis de setenta obras e dous libros de ilustracións

Ven, 29/06/2012 - 20:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou que a exposición ‘Manuel Facal’, inaugurada hoxe no Museo do Gravado de Artes, permitirá ao público galego e aos visitantes da nosa terra achegarse á obra e personalidade dun dos nosos artistas plásticos máis salientables”.

O titular de Cultura e Educación destacou as inquietudes deste artista que viaxou por todo o mundo para “coñecer e investigar novas fórmulas para desenrolar a súa arte, unha arte que bebe das fontes dese percorrer, na procura da vangarda, na busca de técnicas e correntes novas, na arela da aprendizaxe continua”. O conselleiro recordou que Manuel Facal, a pesar da súa longa experiencia no estranxeiro, “sempre tivo presente Galicia e o seu mar, sendo evidentes as raíces galegas en toda a súa obra”.   

Xesús Vázquez Abad afirmou que na obra “deste artista multidisciplinar e destacado gravador, a abstracción preséntase como elemento estrutural”. “Ademais, en cada unha das súas composicións subxace a personalidade, provocadora e poética, dunha obra cunha gran carga dinámica e emotiva”, engadiu.

A mostra inaugurada hoxe no Museo do Gravado de Artes de Ribeira está comisariada por González Alegre e marca o inicio dunha serie dedicada aos gravadores galegos neste museo. Nesta exposición, que se nutre de fondos do propio museo, o visitante poderá impregnarse da arte de Manuel Facal a través dunhas setenta pezas e dous libros ilustrados polo artista. A primeira destas dúas publicacións é Galicia, os símbolos, onde queda patente a pegada permanente de Galicia na súa obra; e a outra é Porta a Compostela, unha homenaxe ao sobranceiro poeta Uxío Novoneyra un ano despois do seu pasamento.

Ao acto, asistiron ademais o alcalde de Ribeira e presidente da Fundación do Gravado de Artes, Manuel Ruiz Rivas; o vicepresidente da Fundación do Gravado de Artes, Javier Expósito Paradela; e o profesor, escritor e historiador de arte Antonio Piñeiro

Artista experimental

Manuel Facal Conde (1943, Carballo) é un recoñecido gravador que leva expoñendo a súa obra varias décadas por todo o mundo. O artista, que destaca polo trato utilizado cos materiais, tratou sempre de escapar das correntes artísticas tradicionais e de diversificar técnicas e temáticas nos seus traballos. Tras os seus inicios como debuxante, nos que se desvela unha forte inspiración de Picasso, Dalí ou Lugrís, Londres é a urbe na que se inicia no gravado, da man da arxentina Carmen García.

A continuación, o artistas trasladouse, entre outros lugares, a Grecia, Turquía, Italia, Nova York e o norte de Europa onde experimenta novos modos de expresión. O seu dominio da técnica do gravado lévao a realizar obras para grandes artistas, como por exemplo, Joan Miró. Asemade, colaborou en importantes mostras de pintura e sobre todo de gravados, realizando varias exposicións en Estados Unidos, Inglaterra, Porto Rico, Noruega e Sudamérica.

Menús News node R

Tema