O conselleiro de Educación asistiu á inaguración da Cátedra de Hidroloxía Médica na universidade de Santiago de Compostela

No mesmo acto tamén se deron por comezadas as clases de libre configuración para máis dun centenar de estudantes

Lun, 01/03/2010 - 21:33

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de inauguración da cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. No mesmo acto tamén quedaron abertas as clases de libre configuración para 116 alumnos e alumnas.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou que “o Turismo Termal de Galicia encóntrase a cabeza de España pola diversidade da súa oferta e os servizos que ofrece. O que deu lugar a elaboración deste gran proxecto entre a Asociación de Balnearios de Galicia e a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela que rematou coa segunda cátedra de Hidroloxía Médica a nivel de España, o que supón un importante avance e estímulo para o sector do termalismo”.

A cátedra estase a impartir na Facultade de Medicina- Universidade de Santiago de Compostela- e é respaldada pola Secretaría Xeral de Turismo. No acto de apertura estiveron o reitor da USC, Senén Barro; o director da cátedra, Dr. Gestal; o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña; o decano da Facultade de Medicina da USC, Dr. Fraga, a Secretaria Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura, Carmen Pardo. O relatorio correu a cargo do profesor Luis Rodríguez Miguez que interveu co ‘O termalismo en Galicia de cara ao século XXI’.

Obxectivos do curso

O principal obxectivo destes estudos son fomentar o traballo docente, así como a investigación e a difusión dos coñecementos no campo da Hidroloxía Médica. Ademais a través da cátedra organízanse cursos, seminarios ou conferencias; ao tempo que  se promove a investigación neste eido; favorecendo a difusión e todos os coñecementos relativos á aplicación da hidroloxía no eido da medicina. Os estudos que se imparten en Santiago son os segundos desta rama aos que os estudantes poden acceder en España, a primeira impártese na Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid.

Partindo destes obxectivos, a Cátedra desenvolverá ao longo deste ano numerosas actividades que abranguen a actividade docente de grao, posgrao e formación continua, actividade investigadora e o fomento de vocacións profesionais en Hidroloxía Médica. Deste xeito, dentro da licenciatura de Medicina impartirase a materia de libre elección ‘Hidroloxía Médica’, cun programa de estudos xa adaptado a Bolonia. Ademais está prevista a elaboración dunha monografía cos materiais docentes que sirva como guía aos estudantes. 

Fomentar a investigación

No eido do posgrao, a Cátedra organizará en colaboración cos colexios oficiais de médicos de Galicia nas súas sedes provinciais e comarcais unhas sesións específicas dirixidas aos médicos de atención temperá. E, coa finalidade de fomentar a investigación, están previstas dúas sesións monográficas organizadas por Manuel Freire Garabal que levan por lema ‘Hidroterapia, dende o empirismo á evidencia científica’. Nelas incidirase na hidroterapia como coadxuvante do cancro e na cura termal na patoloxía dermatolóxica.

Na liña de favorecer o fomento deste campo de estudo entre os estudantes de Medicina, estase a traballar con Balnearios de Galicia na creación e financiamento dunhas bolsas dirixidas a alumnos de 4º e 5º curso para a realización de estadías nun balneario de dous a tres meses no período estival, participando activamente nas actividades que se organizan nestes centros.