A campaña ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’ de Cultura e Educación chegará a próxima semana á provincia de Lugo

A Consellería distribuirá o material desta iniciativa nos fogares das rúas que levan o nome do escritor, para favorecer un maior coñecemento social da súa obra

A campaña presentarase o 27 de xuño en Burela, nun acto que contará coa participación do Concello, do IES Perdouro e da veciñanza

Dom, 24/06/2012 - 12:01
A campaña ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’ de Cultura e Educación chegará a p
A campaña ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’ de Cultura e Educación chegará a próxima semana á provincia de Lugo

A campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro chegará a próxima semana á provincia de Lugo co obxectivo de favorecer un maior coñecemento social do poeta. Para isto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria distribuirá en todos os fogares das rúas que levan o nome do escritor folletos con información detallada da súa vida e da súa obra, en formatos diferentes e entretidos, e con contidos de interese para toda a cidadanía.

A presentación da campaña na provincia de Lugo terá lugar o mércores 27 de xuño en Burela, nun acto que incluirá a proxección de videopoemas de Celso Emilio Ferreiro no IES Perdouro, un paseo literario polas rúas e un recitado poético na praza do Concello, no que participarán veciños e veciñas do lugar.

A distribución do material desta campaña comezou nas rúas da provincia de Ourense no mes de abril e achegoulles o legado de Celso Emilio Ferreiro aos veciños do Carballiño, de Celanova, de Ourense, de Ribadavia e de Xinzo de Limia. A próxima semana, a iniciativa chegará aos concellos lucenses de Sarria, Monforte, Burela, Lugo, O Saviñao e Viveiro.

No mes de setembro, o percorrido proseguirá pola provincia de Pontevedra, nas rúas de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Nigrán e Vigo. Finalmente, a itinerancia por toda Galicia completarase en outubro nos fogares de Culleredo, Oleiros, Ares, Mugardos, Narón, Ferrol, As Pontes de García Rodríguez, Arteixo, Carballo, Cerceda, Santiago de Compostela e Ribeira, na provincia da Coruña.

Concerto e exposición en Vigo

Ademais desta iniciativa, a Secretaría Xeral de Cultura promove estes días outras actividades arredor da figura de Celso Emilio Ferreiro. O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, o Teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo acollerá un concerto homenaxe ao escritor, no que participarán novas figuras da música e da literatura galegas que interpretarán os versos do escritor. Tamén na cidade da oliveira, a Biblioteca Central acolle unha exposición multimedia coa que os visitantes poderán coñecer, a través de diversos recursos, a vida e a obra do poeta de Celanova.

Todas estas actividades forman parte da programación coa que a Xunta de Galicia está a celebrar desde comezos de 2012 o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, así como os cincuenta anos da publicación do seu poemario Longa noite de pedra.