Educación e as universidades acreditan preto de 250 centros nos que se desenvolverá o practicum do master en profesorado
Desde a Consellería xa se están programando reunións para que a mediados de abril queden consensuados os convenios e a orde de cara ao vindeiro curso
Os responsables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acreditaron xunto aos das tres universidades galegas 250 centros nos que se desenvolverá o practicum relativo ao Máster de profesorado, e que responde a orde publicada no DOG o pasado 5 febreiro.
Ao longo da xornada de hoxe pasaron por San Caetano os responsables universitarios das tres comisións de seguimento encargadas da aprobación e consecuente designación de centros de prácticas, segundo as súas propias suxestións. Os encontros están relacionados cos desenvolvemento da parte práctica do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas en Galicia no curso 2009-2010, e que xa están a cursar máis de seiscentos alumnos e alumnas.
Ademais Educación comprometeuse a recibir suxestións de mellora e manter reunións durante os meses de marzo e abril para consensuar os convenios e a orde relativas ao máster do curso 2010/2011, co fin de evitar os retrasos deste ano debidos aos impedimentos postos polo Ministerio.
Os principais beneficiados do traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia serán os alumnos e alumnas, que se viron afectados pola lentitude coa que actuou o Ministerio de Educación cando impuso os novos estudos para lograr a titulación precisa para impartir clases, tras negarse a prorrogar o antigo CAP.
O novo Máster Universitario para o Profesorado, asinado entre a Consellería e as universidades galegas segundo as indicacións do Ministerio, é un dos máis económicos dos estudos de máster, cun custe de 1.155,60 euros. En total son 60 créditos, de 19,26 euros cada un deles. Destes, 8 correspóndense ao Practicum, divididos en 12 para as prácticas, 6 saíran do traballo de fin de máster. Esta acordo garante desde este curso a formación aos alumnos, seguindo as directrices do Goberno Central.
Acordos coas universidades galegas
Educación recorda que os acordos relativos ao Máster foron redactados atendendo ás suxestións das universidades. Entre elas destaca o incremento das prazas finalmente ofertadas, xa que no protocolo asinado inicialmente entre as tres universidades e o bipartito se contemplaba un total de 600 prazas, mentres que agora -grazas ao esforzo e apoio da actual Consellería de Educación- se ofertan 740 no SUG (Sistema Universitario Galego), distribuídas segundo especialidades e universidades respondendo a proposta das tres universidades.