Cultura e Educación porá a disposición de máis de 8.600 usuarios o servizo de comedor escolar a través da xestión indirecta e os convenios con concellos

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura de acordos de colaboración con Ferrol, Muíños, Mugardos, Ames e Cangas para a prestación deste servizo

Ademais deuse o visto e prace á contratación do servizo en 60 comedores escolares de xestión indirecta

Xov, 21/06/2012 - 16:51

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinará convenios de colaboración cos concellos de Ferrol, Mugardos, Muíños, Ames e Cangas do Morrazo para a subvención do servizo de comedor escolar en 79 centros educativos, grazas ao que se facilitará a 8.624 usuarios acceder a este servizo complementario.

Deste xeito, e despois de que algunhas asociacións de nais e pais decidiran deixar de xestionar comedores, a Consellería pon de manifesto o seu compromiso co mantemento deste servizo complementario educativo, de fundamental importancia para a conciliación da vida familiar e laboral. Ademais, a vindeira semana ten previsto presentar diante do Consello da Xunta os convenios cos concellos de Santiago de Compostela e Narón.

Así, apoiarase o Concello de Ferrol na xestión dos comedores do CPI Almirante Juan de Lángara y Huarte e dos CEIP Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral,  Manuel Masdias, San Xoán de Filgueira, Esteiro e Pazos. Ademais benefícianse destes acordos os usuarios dos comedores do CEIP Unión Mugardesa, en Mugardos; e do CEIP Valle Inclán, en Muíños. Este é o segundo curso consecutivo en que se asinan convenios con estes entes locais con esta finalidade.

Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia asinará por primeira vez para o curso 2012/2013 convenios de colaboración cos concellos de Ames e Cangas, co que se facilitará a prestación do servizo de comedor escolar nos CEIP amienses A Maía, Agro do Muíño, de Barouta e de Ventín; e nos cangueses do Hío, A Rúa, Espiñeira-Aldán e de Cangas.

En total, a Consellería destinará máis de 160.000 euros ao financiamento destes convenios, cos que se beneficia a 1.601 usuarios. Ao abeiro destes acordos de colaboración, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, os concellos comprométense á elaboración dos menús escolares, a repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

Xestión indirecta

Por outra banda o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á contratación do servizo de comedores en 60 centros educativos o vindeiro curso a través da xestión indirecta, por empresas de cátering, baixo os máximos estándares de calidade.

Para este fin achegaranse máis de 4.580.000 euros, que permitirán utilizar este servizo a 7.023 usuarios de 60 comedores, e que suporán servir máis de 1.085.000 menús. Como vén sendo habitual, as empresas que concursen para seren contratadas deberán cumprir co compromiso de fomento da dieta e os hábitos saudables entre a poboación escolar que xa presenta a Consellería nos comedores que xestiona de forma directa. Ademais, programaranse actividades de promoción da saúde, hábitos alimenticios e habilidades persoais.