A Consellería de Cultura e Educación non sobrepasará os 18 alumnos nas aulas que haxa que agrupar o vindeiro curso
Dependendo das necesidades de cada centro, asígnanse os profesores que se precisen para preservar a boa calidade educativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere desmentir as informacións difundidas por determinadas organizacións sindicais segundo as cales, os agrupamentos de alumnos de diferente idade, en centros de infantil e primaria para o curso 2012-13, se van facer con unidades de 20 alumnos.
Nese sentido, e despois dunha análise exhaustiva das circunstancias dos centros e facendo un considerable esforzo, a pesar da situación económica que padecemos, a Consellería anuncia que o criterio a aplicar para agrupamentos, será o de non sobrepasar os 18 alumnos por aula. En calquera caso, o departamento educativo da Xunta de Galicia garante que se contará co número de unidades necesario para preservar a calidade do ensino en todos os colexios de Galicia.
A Consellería quere recordar que este tipo de criterio vense aplicando polo menos polos tres últimos gobernos da Xunta e non se trata de ningunha medida excepcional. Sendo, ademais, unha práctica que se fai en todo o Estado.
Todos os anos, dependendo das necesidades de cada centro prodúcense un número determinado de agrupamentos e desagrupamentos de alumnos, nomeadamente nos colexios de infantil e primaria do rural. Tendo en conta esas necesidades, asígnaselle a cada centro o profesorado necesario de acordo co catálogo. Polo tanto Cultura e Educación ratifica que, de cara ao vindeiro curso, non se vai producir ningunha modificación, nin se van facer agrupamentos que non sexan os debidos.
Cómpre sinalar que os agrupamentos poden aumentar de ano en ano naquelas provincias onde a natalidade ten baixado de maneira máis acusada. De feito hai centros que non reciben novos alumnos dende hai dous anos. De manterse situacións como a dalgún centro con oito alumnos entre 6 e 12 anos, sen agrupalos, suporía ter un aula para cada un, unha situación que sería inasumible. De feito, grazas aos agrupamentos, moitos centros garanten a súa continuidade sen ter que adoptar medidas máis rigorosas.