Cultura e Educación promove o ensaio en galego coa publicación da obra gañadora do XI premio Ramón Piñeiro de ensaio

“Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións”, de Teresa Moure, resultou premiada nesta edición convocado pola Consellería que dirixe Vázquez Abad en colaboración coa editorial Galaxia

Mér, 20/06/2012 - 20:30
Cultura e Educación promove o ensaio en galego coa publicación da obra gañadora
Cultura e Educación promove o ensaio en galego coa publicación da obra gañadora do XI premio Ramón Piñeiro de ensaio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou esta tarde Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións, da monfortina Teresa Moure, a obra gañadora do XI Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011, publicada agora pola editorial Galaxia.

A undécima edición deste premio foi convocada conxuntamente por Cultura e Educación, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e por Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa.

A entrega do premio

No acto de presentación, que tivo lugar na Libraría Pedreira, amais de García Gómez, participaron o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; en representación de Gas Natural Fenosa, Amalia Baltar; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos M. Callón e a autora da obra, Teresa Moure.

O secretario xeral de Política Lingüística destacou a importancia dos premios Ramón Piñeiro de ensaio dado que “tratan de recuperar o espírito de Ramón Piñeiro e da xeración de Galaxia, pioneiros en empregar o galego nun xénero tan prestixioso como é o ensaio, demostrando que a lingua galega non se debía cinguir á literatura ficcional, senón que era, e segue a ser, apta para tratar unha ampla variedade de temas”.

A obra gañadora do XI Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións resultou elixida por maioría entre as 12 obras presentadas. O xurado estivo composto polo director literario de Galaxia, Carlos Lema; os profesores Ernesto González Seoane, Susana Reboreda Morillo e Anxo Tarrío Varela; e a gañadora do premio en 2009, María López Sández, coa obra Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio. Todos eles resaltaron que as obras presentadas nesta edición destacaron pola súa calidade e variedade temáticas.

Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións realiza unha aproximación á literatura galega desde a teoría “Queer”, a través dunha reflexión que trascende o literario e que ten un claro potencial para incidir no debate social en Galicia acerca do tema da reivindicación dos múltiples espazos intermedios, que teñen que ver coa homosexualidade, coa igualdade e, en especial, cos usos lingüísticos en relación co xénero.

A traxectoria da autora

Teresa Moure, doutora en Lingüística e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, repite como gañadora do certame, xa que gañou no ano 2004 o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra Outro idioma é posible, e no ano 2005 resultou finalista do mesmo premio con As palabras das fillas de Eva.

Amais, a escritora conta no seu currículo con importantes premios de novela, de teatro e de ensaio, entre os que destacan o Premio Lueiro Rey de novela curta e o Premio Arcebispo San Clemente pola novela A xeira das árbores; o Premio Xerais de novela, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Premio da Crítica da narrativa galega pola obra Herba Moura; e o Premio Rafael Dieste de teatro por Unha primavera para Aldara.

Unha homenaxe ao galeguista Ramón Piñeiro

O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio nace en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

Menús News node R