Cultura e Educación facilitará o transporte escolar de 122 alumnos con discapacidades coa colaboración de Amencer-Aspace, ASPANAEX e Cruz Vermella
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura das addendas de convenios con estas asociacións
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará o transporte escolar de 122 alumnas e alumnos con discapacidades, a través da renovación dos convenios coa Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns Amencer-Aspace, coa Asociación en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (AXPANAEX) e coa Cruz Vermella, coas que se vén colaborando para tal fin. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura das correspondentes addendas, das que se beneficiarán no curso 2012/2013 académico estudantes das catro provincias galegas.
Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, os convenios cobren os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan.
Ao abeiro dos convenio, as ditas asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.
Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación continúa a dar cumprimento ao seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, reforzado a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido cómpre lembrar que se vén de autorizar a sinatura dun acordo de colaboración coa Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (Grumico) para o traslado de 15 alumnos con discapacidade aos seus respectivos centros educativos.