Cultura e Educación conmemora en Vigo o centenario de Celso Emilio Ferreiro cunha exposición e un concerto

Novas voces da música e da literatura galegas recordarán os versos do poeta nun concerto homenaxe que tamén terá lugar en Vigo o próximo 26 de xuño, de entrada libre e gratuíta

As dúas iniciativas forman parte das actividades que está a levar a cabo a Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro

O secretario xeral de Cultura e a delegada territorial da Xunta en Vigo visitaron esta mañá a mostra multimedia sobre o escritor de Celanova que acolle a Biblioteca Central ata o 28 de xuño

Mér, 13/06/2012 - 14:53
Cartel do concerto

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en valor e difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro na cidade de Vigo no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento. Con este motivo, o departamento da Xunta de Galicia organiza este mes de xuño unha exposición multimedia sobre a vida e a obra do poeta, así como un concerto homenaxe musical e poético.

A mostra, que estará ata o 28 de xuño a Biblioteca Central de Vigo, foi visitada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; e polo concelleiro de Vigo Roberto Relova, que estiveron acompañados pola directora do centro bibliotecario, Rosa Díaz.

Imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro son algúns dos recursos que poden atoparse nesta instalación multimedia. Ademais, a mostra tamén inclúe algúns obxectos persoais do escritor de Celanova, como unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Algúns dos contidos da mostra tamén están accesibles vía web na páxina oficial do escritor,  http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Concerto homenaxe

Ademais da exposición, a Consellería de Cultura e Educación organiza na cidade da oliveira un concerto homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, que terá lugar o martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia e que será de entrada aberta e gratuíta. O evento congregará diversas propostas artísticas, dos ámbitos musical e poético, baseadas na obra do escritor, da man de voces novas da cultura galega.

As actuacións de Ataque Escampe, El Puto Coke, Patricia Moon e Frans Banfield, Davide e Luis Emilio Batallán compartirán escenario coas intervencións de Inma López Silva, Rexina Vega ou Xesús Alonso Montero. No concerto, que será presentado por Yolanda Castaño, tamén participarán alumnado da Escola Superior de Arte Dramática e do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, así como a Coral de Beade.

Ano Celso Emilio Ferreiro

Estas dúas iniciativas que programa a Consellería de Cultura e Educación forman parte das actividades que está a promover a Xunta de Galicia, en colaboración con diversas entidades, para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta e do cincuenta aniversario do seu poemario Longa noite de pedra.

Menús News node R

Tema