Vázquez Abad preside a primeira xunta do padroado da Fundación Camilo José Cela logo da súa integración no sector público

Mar, 12/06/2012 - 20:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a primeira xunta do padroado da Fundación Camilo José Cela unha vez que esta se integrou no sector público.
Cómpre recordar que dita integración foi aprobada o pasado mes de maio no Consello da Xunta, e é froito do compromiso da Xunta de Galicia coa viabilidade deste ente, fundamental para a conservación da obra do Nobel galego. De feito, a Xunta asinou en 2010 un convenio coa fundación para participar de forma máis activa no seu financiamento, achegando máis do 50% dos seus ingresos. Desta forma, a fundación comprometeuse a realizar un plan de axuste económico-financeiro para garantir a súa estabilidade económica e un axuste máximo entre as previsións de gasto e as de ingresos para o período 2011-2015; tras o que o ente pasaría a ser fundación do sector público.

Padroado

Logo de este proceso de integración, Xesús Vázquez Abad preside por primeira vez o padroado, xunto con dez membros propostos pola Xunta de Galicia. Ademais, serán membros natos o alcalde do Concello de Padrón, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e os presidentes das catro deputacións provinciais. Doutra banda, haberá un membro pola Universidade de Santiago de Compostela e outro pola Universidade Camilo José Cela.

Conservación do legado

A Fundación Camilo José Cela é unha das institucións culturais máis importantes da nosa Comunidade Autónoma, singularmente por ter entre o seu patrimonio todos os manuscritos orixinais do autor. Ademais, a sede da Fundación -situada en cinco antigas “Casas dos Coengos” rehabilitadas- alberga fondos documentais da máxima relevancia, unha valiosa colección pictórica e unha rica biblioteca con máis de corenta e cinco mil volumes.

Menús News node R

Tema