O conselleiro de Cultura e Educación visita o CPI Manuel Padín Truiteiro, en Soutomaior

Vázquez Abad recordou que hoxe se pecha o prazo para que se presenten as empresas para a redacción do proxecto básico do novo IES

Ademais a provincia contará o vindeiro curso con preto de 70 novos centros Abalar

Lun, 11/06/2012 - 14:01
O conselleiro de Cultura e Educación no CPI Manuel Pandín Truiteiro de Soutomaio
O conselleiro de Cultura e Educación no CPI Manuel Pandín Truiteiro de Soutomaior

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do CPI Manuel Padín Tuiteiro no concello pontevedrés de Soutomaior.

Acompañado polo director do centro, Ramón Castillo Gamallo e polo xefe territorial da Consellería en Pontevedra, o conselleiro percorreu o centro educativo no que estudan 625 alumnas e alumnos, e no que nestes anos fixéronse arranxos e melloras por valor de preto de 65.000 euros. Entre as modificacións que se realizaron atópase a renovación e adaptación dos baños do edificio de infantil e do ascensor co que conta o centro.

Novo IES no concello

Durante a visita o conselleiro recordou que no mesmo concello a Consellería construirá un novo IES do que no día de hoxe se pecha o prazo para que as empresas se presenten para a redacción do proxecto básico e de execución, do centro que contará con 16 unidades.

Así, desde a Xunta dáse un novo paso para dar resposta as demandas educativas de dita localidade e das limítrofes. O novo centro contará 12 unidades de ESO, un bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía e outro de Humanidades e Ciencias Sociais. Este proceso de redacción é o seguinte paso a dar unha vez que a Consellería recibiu a oferta de terreos por parte do Concello de Soutomaior.

Deste xeito a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a pesares da grave crise económica polo que estamos a atravesar continúa a dar resposta ás demandas da comunidade educativa desta zona pontevedresa.

Con esta visita o conselleiro continúa a achegarse ás comunidades educativas galegas coñecendo de primeira man os intereses e as demandas dos distintos centros, ao tempo que reitera o seu compromiso de seguir a traballar pola calidade educativa nos centros de ensino de Galicia.