Cultura e Educación favorece o acceso en liña ao patrimonio documental co novo portal web de Arquivos de Galicia

A renovación da páxina de arquivos mellora a consulta de contidos e facilita a busca de información

O secretario xeral de Cultura presentou hoxe a iniciativa con motivo do Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora o 9 de xuño en todo o mundo

A actualización do marco legal, a oferta de formación para os novos profesionais da arquivística e os avances na dixitalización son algunhas das liñas de actuación en materia de arquivos nas que traballa a consellería que dirixe Xesús Vázquez

Ven, 08/06/2012 - 13:00
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do novo portal web
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do novo portal web

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta unha nova porta de acceso aos arquivos de Galicia a través de internet. Trátase da renovación do web http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal,  que ten como obxectivo mellorar a consulta en liña de contidos relacionados cos arquivos de interese galego, así como facilitar a busca de información.

O novo portal web de Arquivos de Galicia foi presentado esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e polo subdirector xeral de Arquivos da Xunta, Gabriel Quiroga. Segundo explicou Anxo Lorenzo,“a páxina web de arquivos foi posta en marcha pola Xunta de Galicia en 2004. “Coa existencia de novas ferramentas e as necesidades de información actuais, estimamos conveniente a súa renovación para mellorar o acceso aos contidos e avanzar na oferta dos seus recursos”, afirmou. Así, este novo portal ofrece un acceso integrado aos sitios específicos de cada arquivo, facilitando a busca de información mediante unha estrutura común.

A Declaración Universal sobre os Arquivos, tamén en galego

A presentación do novo portal web, que tivo lugar esta mañá no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, enmarcouse nos actos de celebración con motivo do Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o 9 de xuño en todo o mundo. Co fin de sumarse a esta conmemoración, a Secretaría Xeral de Cultura tamén promoveu a tradución ao galego da Declaración Universal sobre os Arquivos. Esta versión na lingua propia de Galicia está accesible este ano, por vez primeira, no web do Consello Internacional de Arquivos, no sitio web http://www.ica.org/6573/reference-documents/universal-declaration-on-archives.html.

Ademais, a rede de arquivos dependente da Secretaría Xeral de Cultura propón un conxunto de actividades nas catro provincias, que poden consultarse en cultura.xunta.es.  Entre elas inclúense xornadas de portas abertas con visitas guiadas e mostras expositivas para promover un maior coñecemento dos arquivos entre a cidadanía.

Novo marco legal

Estes pequenos pasos súmanse ás actuacións de fondo que está a promover a Secretaría Xeral de Cultura a prol da preservación e da posta en valor do patrimonio documental galego. Con este obxectivo, a Administración autonómica traballa para acadar un novo marco normativo que regule a conservación, a organización e o acceso á documentación, adaptado aos novos retos da dixitalización dos bens. Deste xeito, está previsto que o proxecto da Lei de arquivos de Galicia inicie proximamente os trámites para o seu debate no Parlamento.

Novas oportunidades de formación

Ademais, co fin de lles proporcionar formación aos futuros profesionais da arquivística para que poidan completaren a súa bagaxe académica e obteren unha experiencia práctica, este ano a Secretaría Xeral destina máis de 111.000 euros á convocatoria de 20 bolsas de formación en arquivos.

Avances na dixitalización

Finalmente, cómpre recordar que outras das prioridades para facilitar a conservación e a difusión de fondos documentais é a adaptación aos contornos dixitais. Para avanzar nesta dirección, a Consellería de Cultura e Educación ten diversos espazos de colaboración con outras entidades. Unha delas é a Fundación Penzol. O proxecto de dixitalización do seu arquivo, financiado pola Fundación Cidade da Cultura co asesoramento do Arquivo de Galicia, promove a recuperación, conservación e difusión do patrimonio documental e bibliográfico desta entidade.

Coa mesma finalidade estase a desenvolver o proxecto de dixitalización de fondos do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, as actividades en colaboración co Cabido da catedral de Santiago, que han permitir avanzar na dixitalización das áreas de documentación moderna e medieval; ou o proxecto de organización, informatización e restauración de fondos do arquivo diocesano e catedralicio do Bispado de Tui-Vigo.

Menús News node R

Tema