Cultura e Educación adxudica a redacción do proxecto de ampliación do CEIP Padre Feijoo en Allariz, Ourense
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar a redacción do proxecto de ampliación do CEIP Padre Feijoo, en Allariz (Ourense) a Jorge Álvarez Rúa por un importe de 31.700 euros.
A obra do centro ourensán consistirá na ampliación dos espazos educativos. Asi a zona docente, ampliarase cun módulo de tres liñas de educación infantil que contará 9 aulas de 50 metros cadrados e cada unha coa zona de aseos, así como unha sala de usos múltiples.
Ademais a zona de administración tamén contará cunha sala de profesores. O proxecto tamén dará conta dos servizos comúns como o comedor, os aseos e un almacén; e os espazos exteriores cunha zona cuberta de 150 metros cadrados e un patio de recreo de 750.
O centro educativo
Na actualidade o CEIP Padre Feijoó de Allariz é un centro de dúas liñas de Educación Infantil e Primaria. Foi creado cunha dotación para atender a un alumnado correspondente a 6 unidades de Educación Infantil, e 6 unidades de Ensinanza Primaria.
Cómpre sinalar que a parcela na que se sitúa é de máis de catro mil metros cadrados dos que case a metade están ocupados polo edificio. Na actualidade o resto do terreo, 2.395 m2, está ocupado polo patio. Todo o espazo xa foi obxecto de modificación, ampliacións e melloras, debido ao incremento de matrícula rexistrado nos últimos cursos.