Vázquez Abad asina un convenio de colaboración nas ensinanzas de Formación Profesional co Grupo Pérez Rumbao de Ourense

Deste xeito a empresa Unidade de Vehículos Industriais adquire o compromiso de crear un aula UNVI no IES Universidade Laboral de Ourense, establecéndose unha estreita colaboración entre o centro educativo e a empresa

A Xunta continúa a traballar na promoción e dinamización das empresas claves na economía galega a través do Plan Impulsa Ourense

O acordo está destinado a estudantes de ciclos formativos das familias profesionais electricidade e electrónica, mantemento de vehículos e instalación e mantemento

Ademais a través do convenio establecerase un programa de formación en centros de traballo, orientarase na formación permanente do profesorado e dos traballadores,e crearase un programa de bolsas de formación por parte da empresa

Ven, 01/06/2012 - 14:33
Vázquez Abad asina un convenio de colaboración nas ensinanzas de Formación Profe
Vázquez Abad asina un convenio de colaboración nas ensinanzas de Formación Profesional co Grupo Pérez Rumbao de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe un convenio coa empresa Unidade de Vehículos Industriais, UNVI (Grupo Pérez Rumbao)  sobre a colaboración educativa nas ensinanzas de Formación Profesional. A iniciativa inscríbese dentro Plan Impulsa, que forma parte a súa vez dun proxecto transversal da Xunta, e que atinxe a varias consellerías, como froito do traballo do goberno galego coa provincia de Ourense.

Cómpre destacar que o convenio servirá para establecer un intercambio de experiencias colaboracións entre a empresa e o IES Universidade Laboral- a través da creación da aula UNVI-. Ademais o acordo beneficiará aos alumnos que poderán facer prácticas e acceder a bolsas; así como ao profesorado, que poderá facer formación in situ; e os traballadores da empresa que poderán acudir aos centros de formación e beneficiarse do sistema de a acreditación de competencias.

O convenio asinado hoxe en Ourense incide especialmente na colaboración con empresas, e incide especialmente no alumnado e profesorado das familias profesionais electricidade e electrónica, mantemento de vehículos e instalación e mantemento. 

Aula UNVI

Un dos puntos do acordo inclúe a creación dunha aula UNVI no IES Universidade Laboral de Ourense, que a empresa de transportes dotará de materiais específicos para a formación con toda a documentación técnica precisa para o manexo dos aparellos. 

Especialmente dirixida ás familias de electricidade e electrónica, mantemento de vehículos e instalación e mantemento que serán un sólido soporte para que os estudantes obteñan un profundo coñecemento da tecnoloxía básica deste equipos.

O Convenio

A través deste documento acórdase establecer un programa de formación en centros de traballo para os estudantes que cursen formación profesional; do mesmo xeito desenvolverase orientación na formación e actualización do profesorado dependente da Consellería así como dos traballadores  da propia empresa ourensá.

Así mesmo, crearase un programa de bolsas de formación por parte da empresa para os alumnos que realizarán a formación en centros de traballo na empresa e especialmente sobresaíntes. Estas bolsas teñen unha duración de entre dous meses e un ano.

O convenio tamén promove o empredemento entre os titulados de FP, obtención de titulación de FP e certificados de profesionalidade para os traballadores de UNVI.

Cómpre salientar que os asinantes comprométense a promoción e difusión das ensinanzas de FP e das súas saídas profesionais entre os estudantes que realicen o módulo de FCT na empresa;  así mesmo organizaranse cursos, seminarios, estudos, con temas de interese común para os traballadores de UNVI e da Consellería.

A través deste convenio a Consellería volve a dar conta traballo desenvolvido a prol da formación profesional en Galicia ao tempo que se intensifica a colaboración coas empresas clave na economía galega creando sinerxías entre a Xunta e o tecido empresarial.