Educación impulsa as ensinanzas deportivas a través dos currículos de técnico deportivo en vela e aparello libre e fixo

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos programas destas titulacións de nova creación

Xov, 31/05/2012 - 17:08

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará un novo impulso ás ensinanzas deportivas a través da publicacións dos currículos de dous títulos de nova creación, o de técnico deportivo en vela e aparello fixo e o de técnico deportivo en vela en aparello libre. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos programas didácticos de ambas as titulacións, que procuran a capacitación dos futuros técnicos deportivos en vela con aparello fixo con aparello libre para o desenvolvemento das súas funcións, a través da adquisición e perfeccionamento das competencias profesionais propias da modalidade.

Con este obxectivo, o proxecto de decreto hoxe aprobado establece o currículo de grao medio das ensinanzas deportivas en vela e regula o acceso a ditas ensinanzas, así como os requisitos mínimos dos centros que as imparten no relativo á relación numérica dos grupos segundo o nivel e ás instalacións docentes pertinentes.

O establecemento deste currículo permite conseguir unha formación completa de profesionais neste eido, cun equilibrio entre o carácter teórico e práctico, de maneira que o proceso de formación se vincule á realidade social no ámbito deportivo da vela.

Ocupacións

Ao abeiro deste decreto establécese dous títulos diferentes de nova creación, ambos os dous cunha duración de 1.100 horas, por unha banda o de técnico deportivo en vela con aparello fixo, por outra o de técnico deportivo en vela con aparello libre.

Respecto do primeiro deles, organízase en dous ciclos, o ciclo inicial de grao medio en vela con aparello fixo e aparello libre -cunha duración de 500 horas- e o ciclo final de grao medio en vela con aparello fixo -cunha duración de 600 h-. No que atinxe ás especializacións, este título contará só coa de vela adaptada con aparello fixo.

Quen remate estes estudos poderá exercer o seu labor profesional como adestrador de tecnificación en vela con aparello fixo, coordinador doutro persoal técnico de iniciación á vela, xestor ou organizador de eventos de vela de promoción e iniciación, responsable da seguridade da navegación e das instalacións deportivas utilizadas na tecnificación, ou no traballo de acompañamento e dirección ao regatista en competicións.

No caso do título de técnico deportivo en vela con aparello libre, as ensinanzas organízanse en dous ciclos, o inicial de grao medio en vela con aparello fixo e aparello libre -500 horas- e o final de grao medio en vela con aparello libre -600 horas-. As especializacións posibles serán as de  Kiteboarding e a de vela adaptada con aparello libre.

Os titulados neste ciclo poderán desempeñar as ocupacións de adestrador de tecnificación en vela con aparello fixo, responsable da seguridade da navegación e das instalacións deportivas utilizadas na tecnificación, acompañamento e dirección ao regatista en competicións, coordinación doutro persoal técnico de iniciación á vela, ou xestión e organización de eventos de vela de promoción e iniciación, entre outras.

Cómpre destacar, ademais, que ambos os currículos inclúen módulos de formación práctica de 150 horas no ciclo inicial e 200 horas no final, co fin de que o alumnado entre en contacto coa realidade do mundo laboral e do desempeño do seu labor.