Cultura e Educación réndelle tributo a Valentín Paz-Andrade e a Celso Emilio Ferreiro no último volume dos ‘Cadernos Ramón Piñeiro’

A Consellería dirixida por Vázquez Abad vén de sacar do prelo ‘Cadernos Ramón Piñeiro XXII. Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro’, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

A edición, a cargo de Xosé Neira Vilas, enmárcase nas iniciativas conmemorativas do Ano Celso Emilio Ferreiro e de celebración das Letras Galegas dedicadas a Valentín Paz-Andrade impulsadas por Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Mar, 29/05/2012 - 17:28
Imaxe do acto de presentación do libro
Imaxe do acto de presentación do libro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe pola tarde no Museo do Mar de Galicia o novo volume da colección “Cadernos Ramón Piñeiro”. Trátase dunha publicación que amosa a abondosa correspondencia mantida entre o editor -o escritor Xosé Neira Vilas- e dous dos grandes autores da literatura galega do século XX, Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz-Andrade, aos que a lingua e a cultura galegas están a homenaxear neste 2012.

No acto de presentación, Vázquez Abad estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable da edición, Xosé Neira Vilas; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz-Andrade; Luís Ferreiro, fillo de Celso Emilio e Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia, quen actuou como mantedora do acto. Ao acto tamén asistiu o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Durante a presentación, o cantautor Manoele de Felisa interpretou á guitarra varios poemas tirados das obras de Valentín Paz-Andrade, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Neira Vilas.

Homes da lingua e da cultura galegas

Xesús Vázquez puxo de relevo durante a súa intervención que o novo volume “dá a luz correspondencia mantida entre tres homes da lingua e da cultura, tres creadores aos que o sistema literario galego lles debe algún dos seus logros máis acabados” e faino, en palabras do conselleiro, “por medio da forma máis íntima e máis sincera que existiu, ata hai ben pouco, para plasmar as relacións humanas desde a distancia: a carta”.

A través desta edición, a Consellería quere conmemorar dobremente as Letras Galegas, dedicadas pola Real Academia Galega a Valentín Paz-Andrade, e o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia. Con este motivo, segundo explicou o conselleiro, “conflúen na obra as figuras protagonistas das que son as conmemoracións máis importantes no ámbito da lingua neste ano”, no que “Galicia celebra o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o medio século da publicación de Longa noite de Pedra, a dedicación do 17 de maio a Valentín Paz-Andrade no seu vixésimo quinto cabodano e tamén o 50º Día das Letras Galegas”.

Correspondencia de Neira Vilas con Paz-Andrade e con Celso Emilio

Os Cadernos Ramón Piñeiro XXII. Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro amosan, a través dunha escolma de misivas enviadas por Neira Vilas a Paz-Andrade e a Celso Emilio (34 e 15, respectivamente) complementadas con outras moitas recibidas por Neira Vilas dos dous escritores (19 de Paz-Andrade e 15 de Celso Emilio) a estreita relación epistolar mantida por eles durante anos, que dá a ver a preocupación compartida pola lingua e cultura galegas e a vontade de facer país tendo como pano de fondo a Galicia como tarefa.

Os Cadernos Ramón Piñeiro

A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro encádrase no proxecto de investigación homónimo que a Xunta puxo en marcha en 2003, ano desde o cal levan xa saído do prelo un total de 22 volumes centrados no pensamento e na cultura galegas e coordinados polo profesor e investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), Luís Alonso Girgado.

Entre os seus focos de atención figuran autores relevantes en lingua galega, como aqueles aos que se lle dedica o Día das Letras, coa finalidade de afondar no seu coñecemento e proxección. Alén da publicación de textos inéditos e/ou correspondencia, tamén se leva a cabo unha análise en profundidade da súa contribución á lingua e á cultura de Galicia.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O CRPIH, dependente da Consellería, ten como fin promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade, centra as súas liñas de investigación en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, en estudos de prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva, entre outros.