Cultura e Educación recoñece a investigación de excelencia con axudas aos investigadores galegos dos prestixiosos programas Starting Grants e CONSOLIDER

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia premia os investigadores máis destacados na captura de fondos públicos de programas nacionais e europeos

Dom, 27/05/2012 - 10:54

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria implementou un novo programa co cal pretende impulsar a presenza de investigadores galegos nos programas de excelencia do European Research Council (RC) e nos programas nacionais máis competitivos, coa concesión de axudas aos líderes dos programas Starting Grants e CONSOLIDER. Con este impulso aos investigadores galegos de equipos de investigación universitaria de máxima calidade, o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa construción dunha sociedade galega do futuro asentada sobre as bases do coñecemento e facendo ao mesmo tempo unha forte aposta polo prestixio do Sistema Galego de Universidades.

Así, achegará  un total de 820.000 euros para estas axudas ata o ano  2014. Cómpre lembrar que a concesión das axudas de Starting Grants a cinco investigadores galegos, e as de CONSOLIDER a un proxecto do SUG constitúen un gran logro para o sistema universitario galego, xa que se trata de dous programas moi prestixiosos, símbolos da investigación de calidade e recoñecidos internacionalmente.

Beneficiarios

O Programa Starting Grants apoia os investigadores prometedores que amosan un gran potencial para desenvolver investigación de vangarda en Europa. Os beneficiarios destas axudas serán Carlos Salgado López, Miguel López Pérez, Rubén Nogueiras Pozo e Francisco Rivadulla Fernández da USC, e David Posada González da UVIGO, investigadores aos que o Consello Europeo de Investigación (ERC) concedeu axudas ao abeiro do Programa Starting Grants. Este programa está destinado a axudar á creación de grupos de investigación independentes ou a consolidar grupos incipientes cuxa actividade investigadora estea na fronteira do coñecemento en calquera temática e amose unha traxectoria prometedora, polo que se trata dun programa moi competitivo.

Por outra banda, ao abeiro do Programa CONSOLIDER-INGENIO 2010, o grupo do profesor Juan M. Lema Rodicio da USC acadou financiamento para o proxecto CONSOLIDER NOVEDAR, o único proxecto CONSOLIDER liderado por un grupo de investigación do SUG. O programa consiste nun conxunto de accións de fomento e consolidación da I+D, dirixidas a equipos de investigación españois de máxima calidade e recoñecemento internacional.

En ambos os casos as universidades poderán destinar o importe da axuda á contratación de persoal investigador ou auxiliar para o grupo, á compra de pequeno equipamento e material funxible, custos de mantemento derivados de materiais, subministracións, instrumental ou material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas.

Ademais as axudas poderán destinarse á formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda, á organización de actividades de difusión e á posta en marcha de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.