A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Carral entregan o XV premio de poesía do municipio a Roi Vidal Ponte

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asisitiu á entrega do galardón á obra 'Teatro', gañadora da XV edición do certame

A Consellería colabora co goberno local, a Deputación da Coruña e outras entidades na organización desta iniciativa

Ven, 25/05/2012 - 21:00
XV premio de poesía do municipio a Roi Vidal Ponte
A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Carral entregan o XV premio de poesía do municipio a Roi Vidal Ponte

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na entrega do premio do XV concurso de poesía ‘Concello de Carral’ a Roi Vidal Ponte, pola súa obra Teatro. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, representou ao departamento educativo da Xunta de Galicia neste acto, no que salientou que o traballo dos escritores contribúe “a puír a lingua, a manter e mesmo aumentar o seu prestixio, a atraer a atención de propios e estraños sobre o idioma en que están escritos tantos e tan brillantes textos e mais a facilitar a aprendizaxe do galego e o amor por el”.

Cómpre sinalar que a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura, colabora co Concello de Carral, que pertence á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, na organización deste certame. Ademais, coparticipan no concurso a Deputación da Coruña, a editorial Espiral Maior – que editará o libro gañador -  e o Banco Etcheverría.

O xurado do certame estivo presidido pola concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e del formaron parte o técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, Emma Pedreira - gañadora do pasado ano-, Antía Otero e Luciano Rodríguez.

Teatroresultou gañadora entre as 40 obras presentadas ao concurso, tal e como resaltou o xurado, pola súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, e que xoga cos silencios. Deste xeito, o xurado considera que a obra mantén o lector atrapado en todo momento, converténdoo nun espectador activo, nun voyeur.

O premio está dotado con 2.000 euros e coa publicación do poemario na editorial Espiral Maior. De feito, no acto de hoxe presentouse tamén a edición do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras, de Emma Pedreira.

O autor

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982) ten xa publicado os poemarios Amort (Revista das Letras, 2007), 5 Haikus pornográficos (Dorna, 2008), Roma (Revista das Letras, 2009) e Pop (Finalista Premio Xuventude Crea 2010, Xunta de Galicia)

Ademais, o compostelán cultivou a dramaturxia nas pezas de teatro breve A última tentación de Edipo (Revista das Letras, 2006), Julieta’s Black Hole (Casahamlet, 2010) e Kindertontenfuga (Casahamlet, 2011). Como director de teatro dirixiu Matilde, co grupo universitario Bicodobrelo (2008) e Faraoas, espectáculo baseado nun texto da súa propia autoría (Tirita Producións, 2011). É tamén crítico teatral (Vieiros, Faro de Vigo, Protexta, O Galiñeiro) e membro de Estaleiro Editora e do grupo Ataque Escampe.

Menús News node R