A Consellería de Cultura e Educación estrea na Coruña o novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego con pezas de Nacho Duato, Amaury Lebrun e Mercedes Suárez

As obras “Jardí Tancat” e “Aínda” dan forma ao programa dobre que, baixo o título conxunto de “AÍNDA”, se representa mañá no Teatro Rosalía de Castro

O Teatro Principal de Ourense acolle este sábado 26 a segunda función desta montaxe que poñen en escena seis bailaríns

Xov, 24/05/2012 - 18:12
Presentación do novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego, AÍNDA
Presentación do novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego, AÍNDA

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea mañá no Teatro Rosalía de Castro o novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego que, baixo o título conxunto de AÍNDA, reúne no programa as pezas Jardí Tancat, de Nacho Duato, e Aínda, de Mercedes Suárez e Amaury Lebrun. Tras esta primeira función, que dará comezo ás 20.30 h, a compañía pública de danza viaxará a Ourense para actuar o sábado 26, á mesma hora, no Teatro Principal.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, e a concelleira de Cultura da Coruña, Ana María Fernández, acompañaron á directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, na presentación deste novo espectáculo, a través do que a unidade de danza da Consellería de Cultura e Educación avanza na configuración do seu propio repertorio de pezas. As dúas obras que dan forma a AÍNDA súmanse agora ás tres creadas para a montaxe 3DTres na pasada temporada, de xeito que as súas diversas combinacións ofrecen a posibilidade de desenvolver propostas adecuadas aos diferentes escenarios, programacións e públicos potenciais.

Esta estrea insírese, ademais, na carteleira do programa RC Danza que promove o Concello da Coruña no Teatro Rosalía. Neste sentido, o director da Agadic incidiu na importancia de que desde a xestión dos espazos escénicos públicos se aposte pola exhibición coreográfica como parte da súa programación ordinaria e animou a todos os cidadáns a se converter en espectadores habituais de danza.

Consolidación e madurez

Na súa intervención, Fasero gabou o esforzo realizado pola dirección do Centro Coreográfico Galego no “mantemento e consolidación dunha actividade que o está a levar cara á súa madurez”, ao tempo que cualificou de “luxo” o feito de poder incorporar unha coreografía de Nacho Duato ao repertorio da compañía pública galega.

Dirixido pola propia Mercedes Suárez e interpretado por un corpo de baile de seis bailarinas e bailaríns –Ástrid Molinero, Julia Méndez, Carmela García, Juan Miguel Hernández, Miguel Ángel Ponte e Ariel Gastón A. Caramés–aos que nestas dúas funcións inaugurais se suma Jesús Pastor, neste programa dobre do Centro Coreográfico a creación propia dialoga cun emblemático título no ámbito da danza contemporánea, como é a obra coa que Duato iniciou en 1983 a súa traxectoria como coreógrafo de referencia internacional.

Cesión de dereitos

O creador valenciano, quen estivo 20 anos á fronte da Compañía Nacional de Danza (CDN) e na actualidade dirixe o ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo, cedeu os dereitos de Jardí Tancat (Xardín pechado) para a súa representación por parte da compañía pública galega, así como para a utilización dos deseños de escenografía e vestiario, orixinais do propio Nacho Duato. Jardí Tancat baséase en textos e cantos populares mallorquinos aos que a cantautora María del Mar Bonet puxo música e voz para recrear a tradición mediterránea máis antiga, relativa aos traballos realizados no campo polos payeses e no mar polos pescadores baleares.

Trátase da primeira coreografía que deseñou Nacho Duato (Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes en 1999 e Premio Nacional de Danza en 2003) e coa que iniciou a súa longa traxectoria profesional cando bailaba no Nederlands Dans Theater da Haia, onde foi estreada e pola que obtivo o I Premio do Concurso Internacional de Colonia (Alemaña). Xa como director da Compañía Nacional de Danza, Duato recuperou estra montaxe para reestreala en 1992 no Teatro Albéniz de Madrid.

A peza componse tecnicamente de solos, dúos e momentos corais, que transmiten durante 20 minutos unha profunda impresión de ligazón á terra. Con iluminación de Nicolás Fischtel e produción de Carlos Iturrioz e Mediart Producciones, a posta en escena de Jardí Tancat polo Centro Coreográfico Galego conta tamén coa achega como repetidores de Hilde Koch e de Amaury Lebrun, colaborador habitual de Duato na CDN e, na actualidade, do Centro Coreográfico Galego.

Danza contemporánea e tradicional

De feito, Lebrun asina xunto con Mercedes Suárez a segunda das pezas do programa, Aínda, creada expresamente para a unidade de danza da Xunta de Galicia. Con música de ISGA Collective inspirada en melodías tradicionais galegas e vestiario de María Villas, consta de dúas partes que se desenvolven no marco dunha mesma estrutura temática a través da que se busca reflectir sobre o escenario a riqueza cultural de Galicia.

Na súa primeira parte, ideada por Mercedes Suárez, o espírito mediterráneo do Jardí Tancat de Duato serve de referencia á hora de ofrecer un contrapunto atlántico que, sen abandonar o estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega de total expresividade. “Unimos Atlántico e Mediterráneo por medio da danza, a música e o vestiario”, explicou a directora do Centro Coreográfico durante a presentación do espectáculo.

Pola súa banda, Amaury Lebrun introduciu a chuvia como elemento de inspiración á hora de crear a segunda parte de Aínda. Así, mentres que a primeira parte transmite un forte espírito lúdico na súa ollada cara á tradición, Lebrun propón unha mirada ao noso interior para obter unha perspectiva máis profunda e conceptual.

Entradas para A Coruña e Ourense

As entradas para a estrea de AÍNDA na Coruña están xa á venda na web de Servinova (taquilla.servinova.com) e no despacho de billetes da praza de Ourense (de 9.30 a 13.00 h e de 16.30 a 19.30 h). Mañá poden adquirirse tamén na billeteira do Teatro Rosalía, que abre de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 h. Existen diferentes prezos (7, 11 e 15 euros), sobre os que se aplica un 20% de desconto para os titulares do carné xove, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego sen prestación.

Canto ás da función do sábado no Teatro Principal de Ourense, poden mercarse a través da web de Novagalicia Banco (entradas.novagaliciabanco.es) ou no despacho de billetes do teatro, que abre mañá venres de 11.00 a 13.30 h e o sábado nese mesmo horario e desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Os prezos das entradas van dos 6 aos 12 euros, con descontos do 20% para titulares do carné xove ou de estudante, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego sen prestación.

Menús News node R

Tema