A Consellería de Cultura e Educación continúa coa lembranza de Celso Emilio no centenario do seu nacemento coa participación na xornada 'Xigantes ou Ananos?'

O Consello da Cultura Galega organiza este encontro, no que se debate sobre o papel do autor celanovés na visión crítica da emigración galega

Xov, 24/05/2012 - 13:45
Valentín García na xornada sobre Celso Emilio Ferreiro do Consello da Cultura Ga
Valentín García na xornada sobre Celso Emilio Ferreiro do Consello da Cultura Galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a por en valor a obra e figura de Celso Emilio Ferreiro, no marco da celebración do Ano Celso Emilio, co gallo da conmemoración do centenario do seu nacemento. Desta vez, coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na xornada "Xigantes ou Ananos?" Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega', organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), entidade que colabora de forma activa coa Xunta de Galicia na celebración destes actos conmemorativos.

Durante a inauguración da xornada, Valentín García destacou a importancia deste tipo de encontros que serven para achegar novas perspectivas sobre autores fundamentais da literatura galega e para poñer de relevo o seu papel na dignificación e continuidade da lingua propia de Galicia. Tamén se referiu ao idioma galego como vínculo privilexiado e superador das diferenzas entre os galegos de Galicia e os da emigración.

Nesta xornada, celebrada na sede do CCG, debátese a actualidade das propostas críticas sobre o papel histórico e presente da emigración galega, tendo en conta a importante achega de Celso Emilio neste eido, a través - fundamentalmente- da súa obra Viaxe ao país dos ananos. Neste sentido, analízase a mensaxe do libro respecto dos galegos en Venezuela, avaliándoa desde unha renovada perspectiva actual, na procura de paralelismo co momento presente.

Por outra banda, o encontro afondará na biografía político-intelectual do autor celanovés, a través dun relatorio de Ramón Nicolás. Así mesmo, Raúl Soutelo Vázquez abordará o colectivo galego en Venezuela entre as décadas de 1940 e 1970, en tanto que Xose M. Núñez Seixas revisará a interpretación de Celso Emilio da emigración galega. A xornada rematará cunha mesa redonda na que Xosé Neira Vilas, María Xosé Porteiro, Román Rodríguez e Anxo Lugilde, moderados polo presidente do CCG, Ramón Villares, reflexionarán sobre a actualidade das propostas de Celso Emilio e dos seus críticos, procurando conclusións sobre a relevancia do papel da emigración na historia e presente de Galicia.

Esta actividade enmárcase nas programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta. O programa, que inclúe unha ampla diversidade de propostas, foi concibido desde a colaboración con diferentes departamentos e organismos do Goberno e da sociedade civil, como é o caso do Consello da Cultura galega.