Vázquez Abad asegura que a cesión da explotación do parque arqueolóxico de Campo Lameiro garante “a estabilidade laboral dos traballadores e a continuidade da actividade do centro”

O conselleiro de Cultura e Educación explicou hoxe no Parlamento que a subrogación pola Xunta de Galicia do contrato de xestión do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro está prevista dentro da Lei de contratos do sector público

Xesús Vázquez Abad explicou que foi a propia empresa adxudicataria da xestión do Parque quen, ante a súa eventual entrada en concurso de acredores, e a imposibilidade de continuar realizando o servizo para o que había sido contratada, solicitou a cesión do contrato a unha empresa que eles mesmos propuxeron

Con esta actuación, a Consellería evitou o rescate do servizo por parte da Administración, o que implicaría o peche do centro durante varios meses

Mér, 23/05/2012 - 17:17

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para falar da subrogación por parte da Xunta de Galicia do contrato de xestión do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. O conselleiro asegurou que “esta decisión garante dous aspectos que consideramos prioritarios: a estabilidade laboral dos seus traballadores e a continuidade da actividade do centro”.

Vázquez Abad explicou que foi a propia empresa adxudicataria da xestión do Parque quen, ante a súa eventual entrada en concurso de acredores, e a imposibilidade de continuar realizando o servizo para o que había sido contratada, solicitou a cesión do contrato, a unha empresa que eles mesmos propuxeron. A Consellería de Cultura e Educación analizou esta proposta e autorizou a cesión do contrato para a explotación do Parque Arqueolóxico a unha nova empresa, constituída polos propios traballadores do centro.

Segundo o conselleiro, “esta cesión, prevista na Lei de contratos do sector público, presentouse como a solución máis favorable para evitar o rescate do servizo por parte da Administración”, e recordou que o feito de convocar un novo concurso “implicaría un peche do centro durante varios meses”. Neste sentido, o titular de Cultura e Educación aclarou que se axilizou este cambio “porque así o permite o marco legal vixente, porque non interrompía o funcionamento do centro, non prexudicaba aos visitantes con reservas xa pechadas e, sobre todo, porque evitaba a perda de postos de traballo dos que dependen moitas familias da zona”.

A mellor opción posible

Xesús Vázquez Abad afirmou que a decisión adoptada é “a mellor opción posible de acordo coa legalidade vixente”. Esta solución foi proposta pola propia empresa que xestionaba o Parque, debido a súa eventual entrada en concurso de acredores e polo tanto imposibilidade de cumprir o contrato asinado coa Xunta. A cesión produciuse en conformidade co previsto no artigo 209 da Lei de contratos do sector público, o que supón que a nova empresa se subroga en tódalas obrigas e dereitos da empresa cedente, tendo que xestionar o parque cos mesmos estándares de calidade esixidos no concurso público.

Na súa intervención, o titular Cultura e Educación, explicou que empresa cesionaria presentou á Consellería a documentación que acredita a súa capacidade de contratar coa Administración e o cumprimento dos requisitos de solvencia esixidos no expediente de contratación, para o que aportou compromisos de colaboración con empresas con recoñecida solvencia. Deste xeito, “queda probado que a cesión se axusta perfectamente á legalidade, calquera outro tipo de valoración supón priorizar os intereses partidistas por riba da correcta xestión do noso patrimonio”, engadiu.

O resultado destas xestións é que o parque estivo funcionando de forma continuada estes meses, non só non véndose afectado o desenvolvemento do seu proxecto cultural, senón incluso observándose unha melloría notoria nas súas accións de difusión que vén avalada polas últimas cifras de visitantes. Dende a súa apertura en xullo de 2011, o Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro xa foi visitado por máis de 19.000 persoas (1.100 só nos dez primeiros días deste mes).