A Consellería de Cultura e Educación establece canles de colaboración co concello de Cee para a promoción do galego a través das actividades de ‘FalaRedes’

O secretario xeral de Política Lingüística reuniuse hoxe con Zaira Rodríguez, alcaldesa de Cee e deputada provincial de Normalización Lingüística, para falar das iniciativas de dinamización lingüística que está a desenvolver o concello

Na rolda de prensa posterior ao encontro, presentaron as actividades de ‘FalaRedes’ que acolle a localidade, no marco da súa participación na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

‘Galego de cine’ chegará a Cee durante a fin de semana e ‘Titerehop’ farao o vindeiro mes

Mér, 23/05/2012 - 17:14
O secretario xeral de Política Lingüística reuniuse hoxe con Zaira Rodríguez, al
O secretario xeral de Política Lingüística reuniuse hoxe con Zaira Rodríguez, alcaldesa de Cee e deputada provincial de Normalización Lingüística, para falar das iniciativas de dinamización lingüística que está a desenvolver o concello

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo hoxe un encontro institucional coa alcaldesa de Cee e responsable da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Zaira Rodríguez. No marco da xuntanza, que tivo lugar na Casa do Concello, García Gómez e Rodríguez Pérez compartiron as principais liñas de actuación postas en marcha desde as administracións autonómica e local para promover a dinamización da lingua galega. Durante a reunión, tamén trataron as vindeiras actividades que se desenvolverán no marco da programación anual de actividades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

FalaRedes

Posteriormente e en  rolda de prensa, o secretario xeral presentou ‘Galego de cine’, unha das tres actividades impulsadas no marco do primeiro programa da Consellería de Cultura e Educación para as entidades que conforman a RDL, na que poderá participar durante esta fin de semana a cativada ceense. Deste xeito, os pequenos e pequenas de entre 6 e 12 anos que se acheguen o sábado 26 á Praza 8 de marzo terán oportunidade de gozar dunha sesión de cinema galego, na caravana reconvertida en cine móbil que está percorrer, desde marzo, un cento de localidades adheridas á RDL. Será a partir das 17:00 horas. As experiencias estarán accesibles a través do web www.galegodecine.org

O secretario xeral tamén anunciou, ao fío do programa FalaRedes, que “Titerehop” chegará a Cee no mes de xuño, cun obradoiro destinado a público xuvenil no que os adolescentes aprenderán as técnicas do hip-hop e dos monicreques, acompañados de mestres coñecidos: o rapeiro García MC, de Deus que te Crew, e mais dos monicrequeiros de Viravolta. As cancións que compoñerán e gravarán en vídeo poderanse ver en http://titerehop.wordpress.com

A outra actividade de “FalaRedes”, “O Señor das dunas”, formou parte da programación específica das Letras Galegas organizada polo Concello de Cee, e desenvolveuse durante a pasada fin de semana.

Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Importante papel dos servizos lingüísticos da RDL

O secretario xeral sinalou que Cultura e Educación quere que os servizos lingüísticos da RDL sexan referentes na promoción do uso da lingua propia de Galicia, e que con ese fin a Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad “seguirá a apoiar e a promover as accións dinamizadoras dos que xa están en funcionamento, así como a creación de servizos compartidos naqueles onde non haxa, para favorecer deste xeito a extensión da dinamización lingüística e a cobertura uniforme de todo o territorio”.

En palabras de Valentín García “o labor dinamizador feito desde os servizos lingüísticos resulta fundamental no fomento do uso e do prestixio da lingua desde a Administración local, tanto no ámbito interno dos concellos coma na súa contorna social” e tamén este labor “deriva moitas veces en exemplos de boas prácticas que os concellos poden aproveitar uns de outros, de acordo coa filosofía da RDL de cooperar e colaborar para así aproveitar sinerxías e experiencias previas que aseguren bos resultados, en función da adaptación a cada contexto”.

Tamén puxo de relevo o secretario xeral que “no caso do Concello de Cee, estanse a desenvolver ao longo deste ano, diferentes actividades de promoción lingüística dirixidas aos ámbitos da mocidade, do comercio, do deporte e dos servizos sociais”. Estes programas de actividades contan co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

120 entidades na RDL

O proxecto posto en marcha polo Goberno galego para coordinar, cooperar e colaborar as administracións autonómica e local na dinamización social do galego abrangue xa máis da terceira parte dos concellos galegos. Canda eles, participan na RDL -amais da Xunta de Galicia- o Consello da Cultura Galega; as deputacións de Ourense, Pontevedra e A Coruña; as macomunidades de Terras de Celanova, Arousa Norte e Fisterra; o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela; o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a fundación pontecesá Eduardo Pondal.

Menús News node R